Sanxenxo reforzará o persoal de limpeza de colexios o próximo curso escolar

Por Redacción
O Concello de Sanxenxo reforzará o próximo curso escolar o persoal destinado á limpeza dos seis centros educativos do municipio. Así, incrementarase en dous traballadores o actual plantel formado por 25, o que supoñerá un custo total de 277.828 euros. Nesta partida non se inclúen os gastos de produtos, material e maquinaria de limpeza.
O goberno acordou, ademais, iniciar este luns unha profunda limpeza e desinfección dos centros educativos de Sanxenxo que se prolongará ata o inicio do próximo curso escolar o 9 de setembro. Coas obras de mantemento e conservación realizadas nos distintos colexios, decidiuse adiantar as tarefas e profundar na higienización dos espazos.
Destes traballos de encargará unha cuadrilla formada por oito traballadoras que esta mesma mañá iniciaron as tarefas de limpeza no CEIP Magaláns de Dorrón. A partir de mañá, esta brigada desdobrarase e destinaranse tres limpadoras ao novo colexio do Revel xa que a partir de mediados de mes está prevista a chegada do novo mobiliario e material ao centro.
As outras cinco traballadoras continuarán polos colexios de Nantes, Telleiro e A Florida ao longo de todo o mes.
O inminente inicio das obras no CEIP de Portonovo obrigou a pospoñer a limpeza no centro ata que sexa posible. Nestes momentos, está a realizarse o pulido de solos, pero está prevista unha reforma integral do centro de case 800.000 euros por parte da Consellería de Educación. O Concello de Sanxenxo deu a semana pasada en comisión de Urbanismo a licenza para executar estas obras que inclúen a renovación da cuberta, do mesmo xeito que as xanelas e a iluminación.
Relacionadas:
-
O alumnado do colexio de Portonovo poderá volver ás aulas este xoves
Por Redacción |
-
O colexio de Portonovo atrasa ao luns o inicio do curso escolar
Por Redacción |
-
Sanxenxo estrea o novo colexio do Revel cunha xornada de portas abertas
Por Redacción |
-
O colexio de Barcelos pasará a ser plurilingüe o próximo curso académico
Por Redacción |