
© Concello de Sanxenxo
O alumnado do colexio de Portonovo poderá volver ás aulas este xoves

Por Redacción

© Concello de Sanxenxo
O CEIP de Portonovo iniciará o curso o vindeiro xoves 16 de setembro, cinco días máis tarde do previsto, dado o atraso das obras no centro.
Desde o Concello de Sanxenxo infórmase de que este retorno ás aulas farase garantindo a total seguridade para o alumnado de Infantil e Primaria.
Así se acordaba nunha reunión mantida na mañá deste luns no propio centro educativo. Neste encontro estiveron presentes o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; a concelleira de Educación, Paz Lago; o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares; o director do centro, Jose Currás; membros da ANPA; e técnicos da obra.
"Todos temos claro que é unha obra importante que mellorará a calidade de vida a pais e escolares deste centro, pero que non se pode correr o mínimo risco nin co alumnado nin co profesorado", declaraba Telmo Martín.
Tanto o alcalde como o xefe territorial de Educación pediron desculpas ás familias que poidan ver alterada a conciliación por estes cinco días de demora, pero incidiron en que o prioritario é a seguridade da comunidade educativa. Así llo trasladaron na reunión ás representantes da ANPA e ao grupo de nais e pais que se concentraron no exterior do centro.
"Asumo o retraso e pido desculpas, pero hai que ter en conta que o proceso administrativo desta obra é máis complexo que o habitual e o resultado será un colexio case novo. A volta á clase o xoves será totalmente segura", manifestaba o xefe territorial de Educación.
CARACTERÍSTICAS DA OBRA
Os traballos que demoraron o inicio do curso cinco días inclúen a renovación de todas as xanelas e persianas do centro, a substitución de todas as cubertas, a colocación do falso teito e a instalación de novas luminarias nas aulas tipo led con aceso e baixada de intensidade intelixente.
Ademais, puíuse o chan de baldosa de todo o centro e instalouse un novo chan máis confortable de vinilo nas aulas de Infantil que ademais reducirán os golpes por caídas.
Para mellorar a imaxe das aulas realizouse un pintado xeral de portas e paredes de todo o centro.
Na pista do pavillón tamén se substituirá a cuberta, cambiaranse as xanelas e pintarase a carpintería dos vestiarios.
A obra ten un prazo de 4 meses e xa está executada ao 80% polo que se prevé que conclúa durante o mes de outubro, cun orzamento próximo ao millón de euros.
O tramo final da obra realizarase fóra do horario escolar, salvo a intervención no ximnasio, que se finalizará en horario de mañá. Para garantir a seguridade do alumnado, estableceranse itinerarios de entrada e saída do centro.