O colexio de Portonovo atrasa ao luns o inicio do curso escolar

Por Redacción
As obras de reforma integral que a Consellería de Educación está a executar no CEIP de Portonovo obrigarán ás autoridades educativas a atrasar o inicio do curso escolar no centro ao próximo luns.
A decisión de pospoñer o inicio de curso tomouse tras a visita da xefatura territorial, a unidade técnica e a concelleira de Educación, Paz Lago, tras unha visita ao colexio.
Iso fará que, por agora, sexan 968 escolares os que volvan ás aulas este xoves en Educación Infantil e Primaria.
O novo colexio do Cruceiro, no Revel (Vilalonga), farao con 211 alumnos, o CEIP de Nantes con 107, o CEIP Magaláns con 75, o CEIP A Florida con 215, o CEIP do Telleiro con 136, o Colexio Abrente con 217 e a EEI de Aios con 7.
Para este curso, o Concello decidiu reforzar o persoal destinado á limpeza de colexios para poder responder de forma óptica aos seis centros educativos do municipio.
Así, incrementarase con dous traballadores máis o actual persoal de 25, o que supoñerá un custo total de 277.828 euros. Nesta partida non se inclúen os gastos de produtos, material e maquinaria de limpeza.
Ademais, o goberno municipal manterá o reforzo de limpeza matinal como o ano pasado para dar resposta ao protocolo anticovid e realizou unha desinfección e limpeza de todos os centros para que o curso comece con todas as garantías sanitarias.
A presenza policial para xestionar os accesos e saídas aos colexios manterase do mesmo xeito que o ano pasado, excepto no Telleiro e Magaláns que non requiriron este servizo.
O Concello, en colaboración coa Xunta de Galicia, destinou este verán 106.000 euros á posta a punto dos colexios durante as vacacións para que estes centros estean listos para o inicio do curso.
As intervencións centráronse nos CEIP A Florida, Portonovo, Magaláns, Telleiro e Plurilingüe de Nantes, e na unitaria de Aios.
No CEIP de Portonovo concéntrase o maior investimento en canto a melloras dos centro con case un millón de euros, xa que se substituíron todas as cubertas e luminarias, entre outras actuacións.
Relacionadas:
-
Volven as clases de Educación Física ao ximnasio reparado do colexio de Portonovo
Por Redacción |
-
O alumnado do colexio de Portonovo poderá volver ás aulas este xoves
Por Redacción |
-
Sanxenxo estrea o novo colexio do Revel cunha xornada de portas abertas
Por Redacción |
-
Sanxenxo reforzará o persoal de limpeza de colexios o próximo curso escolar
Por Redacción |
-
Case un millón de euros para rehabilitar o colexio de Portonovo de xeito integral
Por Alejandro Espiño |