Detectan máis cabalos con cepos en Cotobade e Vilaboa
Por Redacción
As pexas, tamén coñecidas como "trancas", seguen sendo habituais na provincia de Pontevedra. No último mes a liña de denuncia coordinada pola Asociación Animalista Libera e a Fondation Franz Weber recolleu novos casos en diferentes municipios, aos que se unen dous novos avistamentos en Cotobade e o Parque da Natureza de Cotorredondo, situado en Vilaboa.
A colocación de calquera artefacto nas patas do gando, recorda a Asociación Libera, é unha práctica constitutiva dun delito de maltrato animal, polo cal os autores poden ser condenados a un máximo de 12 meses de prisión e inhabilitacións para o exercicio da gandería e o comercio de animais de ata 3 anos. O Goberno central iniciou os trámites, ademais, para modificar o Código Penal e incrementar estas penas.
No caso de Cotobade, Libera recibiu información de dous cabalos coas patas atadas, impedindo que os mesmos puidesen desprazarse con certa velocidade, e constituíndo un posible perigo para os condutores nunha irrupción viaria. Os avistamentos na contorna do Lago Castiñeiras inclúen unha manada onde catro dos exemplares portaban cepos de madeira. Segundo a denuncia recibida, un destes cabalos tiña unha grave lesión nunha das súas patas, como consecuencia da pexa, que lle impedía permanecer en pé.
A crueldade dos cepos foi denunciada en máis dun cento de ocasións polas organizacións promotoras desta liña de avistamentos, que dispón dunha páxina web onde técnicos especialistas xestionan a información e os datos, para facilitalos posteriormente aos corpos de Seguridade. A páxina web www.senpexas.info permite denunciar a calquera hora, en calquera momento e en calquera lugar, o que facilita enormemente a mobilización cidadá contra o maltrato cara aos animais.
Neste sentido, a Asociación Animalista Libera e a Fondation Franz Weber anunciaron a súa intención de trasladar ao Congreso dos Deputados novas iniciativas para rexeitar estes casos de crueldade animal, mobilizando a parlamentarios en defensa do fin desta práctica. A xuízo dos animalistas as solucións pasarían por que a Xunta de Galicia asumise a custodia dos animais que portan cepos, identificando aos seus responsables, e facilitando a creación dun santuario onde os cabalos puidesen rehabilitarse e recuperarse.
En todo caso, ambas asociacións aseguran que a falta de implantación do obrigado microchip transpondedor, que serve para localizar ao responsable do animal, dificulta as accións penais e as pesquisas de defensores dos animais e das propias Forzas de Seguridade adscritas á investigación do maltrato.
Relacionadas:
-
O eixo Pontevedra-Moaña lidera as denuncias por cabalos con 'pexas' que recibe a asociación Libera
Por Redacción |
-
Propoñen crear un santuario para cabalos en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os concellos de Marín e Vilaboa colaborarán coa Xunta na recollida de cabalos soltos ou con trancas
Por Diego Espiño |
-
Liberan o cabalo localizado en montes de Cuntis con cadeas nas patas
Por Redacción |
-
Localizan un cabalo en Cuntis cun 'entresijo' de cadeas atado nas patas dianteiras
Por Redacción |
-
Denuncian a Xunta ante a Unión Europea pola problemática dos cabalos con cepos
Por Oskar Viéitez |
-
Libera denuncia ameazas telefónicas de gandeiros a Protección Civil de Marín pola retirada de 'pexas' a cabalos
Por Redacción |
-
O Parlamento de Galicia insta desenvolver medidas contundentes contra a práctica das "pexas"
Por Oskar Viéitez |
-
Eurodeputados verdes denuncian a práctica das "pexas" nas Rías Baixas
Por Redacción |