Erciria Rosa Vidal, unha muller "soa e libre" que celebra os seus 100 anos
Por Redacción
Ponte Caldelas sumou unha nova centenaria entre os seus habitantes. É Erciria Rosa Vidal, veciña da Ínsua, que celebrou por todo o alto ter chegado a esta máxica cifra.
A homenaxeada, que destacou que sempre gozou "soa e libre" da súa vida, non tivo fillos e actualmente está ao coidado da súa sobriña Pilar e do seu sobriño Gregorio.
Con eles ao carón recibiu a visita do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que lle regalou un ramo de flores e unha tarta para felicitala polo seu aniversario.
Mentres saboreaban a torta, Ercilia foi relatando as súas vivencias no Brasil, concretamente no lugar de Bahía, onde tiña un irmán e unha irmá, moitos sobriños e tamén primos e amigos.
Precisamente de Bahía garda moi bos recordos, os últimos dunha viaxe que fixo con máis de 70 anos con varias amigas e amigos e nos que percorreron Brasil, Paraguay ou Arxentina, lembrando con nostalxia a visita ás cataratas do Iguazú.
En Galicia traballou no campo e nas estancias no Brasil ocupábase da casa. Separouse logo duns anos de matrimonio e estivo sempre rodeada de familia e amigos.
A súa sobriña considéraa unha muller adiantada ó seu tempo, moi intelixente e cunha moi boa saúde. "O médico sempre me dicía que se equivocaran no carné de identidade, que eu tiña dez anos menos dos que tiña", lembra Erciria, que xa fai plans para o seu 101 aniversario.