A asociación Mulleres Salgadas promove a creación do Observatorio de Igualdade no sector pesqueiro
Por Oskar Viéitez
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reuniuse con Celia Herbón e Sandra Amezaga, vicepresidenta e secretaria da asociación Mulleres Salgadas, a primeira organización autonómica conformada exclusivamente por mulleres do sector pesqueiro.
Esta asociación naceu en Vilagarcía no ano 2020 baixo o nome de Mulleres do Mar de Arousa co obxectivo fundacional de reforzar o protagonismo das traballadoras do sector e potenciar a súa visibilidade. Desde xuño de 2021 a organización pasou a ter un alcance autonómico, cambiando a súa denominación a Mulleres Salgadas e converténdose na primeira asociación galega de carácter exclusivamente feminino conformada por profesionais que traballan no mundo do mar.
Na provincia de Pontevedra este sector aglutina o 66 % dos traballadores galegos dados de alta no Réxime Especial do Mar. Dito doutro xeito, dos máis de 19 mil traballadores galegos do mar, 13.288 pertencen á provincia de Pontevedra.
Desde a asociación trasladaron á subdelegada o seu desexo de pór en marcha un Observatorio Galego de Igualdade no sector pesqueiro, unha demanda á que Larriba expresou o seu apoio, xa que "son este tipo de ferramentas as que contribúen a visibilizar e sinalar as barreiras invisibles e as brechas de xénero que existen na nosa sociedade, e en especial, en sectores tan tradicionalmente masculinizados como o da pesca".
Así mesmo, a subdelegada felicitou a asociación polo traballo que está a desenvolver en prol do acceso das mulleres a postos de responsabilidade no sector. O 26 % dos profesionais do mar na provincia son mulleres, "non obstante, estas apenas chegan a ocupar os últimos eslavóns da cadea pesqueira, o que evidencia a existencia dun teito de cristal no que se debe traballar para que desapareza", dixo Maica Larriba.
Relacionadas:
-
Mulleres Salgadas organiza cursos de competencias dixitais para "derrubar as barreiras que as afastan dos postos de responsabilidade"
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras |
-
Pepita Abelleira, Carmen Domínguez e Rita Vázquez, tres "mulleres salgadas" referentes do mar
Por Redacción |
-
"Depomar" pon en marcha accións para reforzar o liderado e o empoderamento das mulleres profesionais do mar
Por Oskar Viéitez |