O Sergas tratará de "convencer" a aquelas persoas que non quixeron recibir a vacina
Por Oskar Viéitez
A Xunta manterá os puntos de vacinación no ámbito hospitalario, á vez que centrará a súa estratexia en "convencer" a aquelas persoas que non quixeron recibir a vacina. Así o confirmou este luns o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Nunha comparecencia de prensa na Coruña, o conselleiro incidiu en que o Sergas seguirá con "puntos de vacinación en ámbitos hospitalarios, abertos de luns a sábado, con horario de mañá" e aos que se poderá acudir sen cita ou con autocita.
Ademais traballarase na área pediátrica para que se chame aos menores de 12 a 15 anos que figuran como non vacinados. Será para "identificar os motivos e logo facilitar a vacinación". "E logo empezar tamén cos adultos", indicou.
O conselleiro admitiu que hai xente "que non quere vacinarse", pero asegurou que é unha porcentaxe "menor". Así mesmo, dixo que os esforzos se centrarán en determinar cantos dos 150.000 galegos que figuran sen vacinar realmente non recibiron a vacina. E é que, segundo precisou, hai persoas que xa están vacinadas noutra cidade ou autonomía na que residen, pero de cuxa situación non se tiña ata a data constancia.
CERTIFICADO COVID
A preguntas dos xornalistas García Comesaña valorou como "desigual" a petición do certificado covid nos locais de lecer nocturno de toda Galicia durante esta fin de semana.
Segundo os datos que manexa o conselleiro, en Ourense funcionou "francamente ben" mentres que "noutras provincias, trasladaron un pouco máis de problema".
O responsable de Sanidade matizou que "a petición do certificado covid é algo opcional", xa que só deben esixilo aos seus clientes aqueles locais que queiran acceder ao segundo nivel do protocolo e abrir ata as 4.00 horas.
Relacionadas:
-
O Sergas citará a 1.000 maiores de 80 anos ao día para a terceira dose da vacina da covid e a antigripal
Por Redacción |
-
Xa só hai 56 pacientes con coronavirus na área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Galicia camiña cara a normalidade con aforos ao 90% e reunións sociais más amplas
Por Alejandro Espiño |
-
Recupérase a tendencia descendente na cifra de casos activos e ingresos por covid-19
Por Redacción |
-
Osdriana Seco, de 32 anos, última persoa en recibir a vacina no Recinto Feiral
Por Redacción |
-
O TSXG autoriza a Xunta a esixir o certificado COVID-19 para acceder aos locais que abran ata as catro da mañá
Por Oskar Viéitez |
-
Este domingo pechan os centros de vacinación masiva do Recinto Feiral e Fexdega
Por Oskar Viéitez |