A obra do ilustrador Manel Cráneo salta desde Pontevedra aos videoxogos
Por Redacción
Planeta Mincha é o nome dun universo fantástico ao que o ilustrador Manel Cráneo dotou da súa propia cartografía, especies, linguas, alfabetos e músicas e a partir do que foi desenvolvendo diferentes produtos.
Un deles é Destino Hërgüss, a novela gráfica que estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación toman como fonte de inspiración para deseñar proxectos de videoxogos.
No marco dunha iniciativa do grupo de innovación docente ComTecArt, que busca achegar ao alumnado os procesos interdisciplinares que definen o traballo nesta industria, quince estudantes dos dous centros traballarán ao longo do cuadrimestre no desenvolvemento da primeira fase dun xogo inspirado nese Planeta Mincha.
“Pareceume unha idea fantástica”, explicou Cráneo despois do encontro que este mércores mantivo co alumnado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Planeta Mincha naceu como un "proxecto multiplataforma e fíxome moita ilusión porque xa houbera un intento de adaptación ao videoxogo, cunha demo ambientada neste universo", dixo o autor.
A iniciativa impulsada polas docentes Beatriz Legerén e Mónica Valderrama e o profesor Luis Fernández, de Ciencias Sociais e da Comunicación, xunto cos docentes da EE de Telecomunicación Antonio Pena e Enrique Costa, conta coa participación de tres grupos de alumnos.
Neste curso o alumnado deseñará videoxogos a partires dunha “pasaxe concreta" de Destino Hërgüss, despois de ter inspirado este proxecto en cursos anteriores en guions ou obras de cinema. A idea, explica Legerén, é que, partindo da secuencia escollida, o alumnado “teña xa construído o que sería o escenario do xogo” para que centre o seu traballo “no deseño da idea, en que vai facer o xogador e en como o vai facer”.
Como unha experiencia “moi satisfactoria, que os alumnos empezan sempre cun pouco de dúbidas e rematan moi satisfeitos” define Legerén unha actividade que o grupo ComTecArt desenvolve por quinto ano consecutivo. “É algo enriquecedor, sobre todo porque permite que os estudantes se dean conta de que son capaces de traballar con perfís profesionais completamente distintos e colaborar para crear algo de forma conxunta”, subliña.
O alumnado da materia Videoxogos, comunicación e desenvolvemento, do grao en Comunicación Audiovisual, encárgase “do deseño do guión e a creación de personaxes e diálogos”, como explica Legerén, mentres que os da materia Tecnoloxía multimedia e computer graphics, do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de de Telecomunicación, son os responsables de “programar o xogo” e os de Programación de Sistemas Intelixentes, desta mesma titulación, responsabilízanse de “programar con intelixencia artificial personaxes non xogadores".
Á súa vez, contan tamén co apoio do alumnado da materia Comunicación alternativa, do grao en Publicidade e Relacións Públicas, “que serán os responsables de levar a campaña de comunicación” destas tres “produtoras”.
Relacionadas:
-
Gaming na Rúa achega a cultura do videoxogo a Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra estreará en decembro o seu propio evento 'gamer'
Por Alejandro Espiño |
-
O Campus abre á cidadanía obradoiros de videoxogos, ilustración, fotografía, redes sociais e vídeo 360º
Por Redacción |
-
O alumnado do campus poderá probar uns videoxogos deseñados polos seus compañeiros
Por Redacción |
-
O roubo do Códice Calixtino inspira o deseño de videoxogos
Por Oskar Viéitez |