ANPA Abelendos, a aposta pola igualdade e as diversidades
Por María José Pita
Hai dous anos viralizouse un vídeo arxentino no que o pequeno Ian, de 5 anos, lamentábase xunto á súa nai de que nunha tenda lles impediron mercar un pantalón cor fucsia argumentando que "era de nenas". Ian berraba indignado que "los colores son colores", e con este título popularizouse o vídeo.
A unha conclusión parecida chegou outro neno de Seixo (Marín), tras asistir ao seu primeiro taller de Igualdade. "O meu fillo de 9 anos o ano pasado dime: 'Mamá, nunha das actividades ensinaron unha peza de roupa e preguntaron, que creedes, que é só para nenas, para nenos, ou dá igual que sexa neno ou nena para usar esta peza de roupa?' Entón o meu fillo contoume que na súa clase a maioría dixo que non era nin para nenas nin para nenos, que daba igual, pero si había nenos que se posicionaron, que consideraban que isto era para nenos e isto para nenas", explica esta nai, membro da ANPA do Colexio de Seixo.
O final da historia reafirma na importancia de que se traballe a igualdade nas aulas, o principal lugar de socialización para nenas e nenos.
"Sabes mamá? Eu funme á beira do que non é nin para nenos nin para nenas, que dá igual, se che gusta dá igual que sexas neno ou nena", finalizaba o escolar marinense, non sen mostrar a súa sorpresa porque un grupo de nenos, aínda que minoritario, si sinalou certas pezas como exclusivamente masculinas ou femininas.
Esta escena é un exemplo das actividades que se realizan dentro do programa de Igualdade que impulsa a ANPA Abelendos do Colexio de Educación Infantil e Primaria de Seixo.
"Con estes talleres os obxectivos son desmitificar todos eses roles e estereotipos. E a través destas actividades tamén se esperta nos nenos e nenas algo, foméntase o pensamento crítico para que poidan cuestionarse tantas cousas de como son, por que actúan así e os gustos que teñen, que moitas veces están condicionados polo contexto sociocultural en que vivimos", sinala a integrante da Asociación de Nais e Pais do CEIP de Seixo á vez que apunta que, aínda que ela sexa unha das encargadas de xestionar estas actividades, "na ANPA somos un equipo, e todas contribuímos na organización e xestión do proxecto en colaboración co profesorado do CEIP de Seixo, sen o seu compromiso non se podería levar a cabo".
Só con botar unha ollada á páxina de Facebook da ANPA Abelendos pódese comprobar que esta Asociación é moi activa, con xornadas lúdicas para o alumnado do CEIP de Seixo onde sempre se busca involucrar ás familias. De feito os talleres de Igualdade teñen unhas horas destinadas ao traballo coas familias, ademais das que se dedican aos nenos e nenas en horario lectivo.
Este ano o proxecto que se está desenvolvendo cos escolares de Seixo está enfocado nas artes, con actividades para espertar o pensamento crítico a través do xogo e dinámicas creativas a cargo de IGUALADAS; talleres sobre teatro e estereotipos impartidos por Andrea Casalmiglia; e a proposta "Contos nunha roda" e posterior elaboración dun mural que promove a Compañía Tarabelos.
ESTATÍSTICAS ALARMANTES
A Asociación de Nais e Pais do CEIP de Seixo remarca a importancia de que se reflexione na aula sobre unha realidade coa que pequenos e adolescentes conviven.
"Está claro que actualmente está máis en boca de todas e todos o cuestionamiento dos roles de xénero e dos estereotipos e hai moitas familias concienciadas. Hai moita teoría pero á hora da práctica aínda se seguen reproducindo os roles e os estereotipos de xénero. E á parte vivimos nunha sociedade, nun contexto sociocultural, onde se perpetúan a través dos medios, a través dos xoguetes...", apuntan desde a ANPA Abelendos.
Neste sentido, fanse eco dos resultados dun estudo publicado o pasado mes de setembro no que se recollía o alarmante dato de que un 20% de mozos de entre 15 e 29 anos nega que a violencia de xénero exista e que a consideraba un "invento ideolóxico". De aí a importancia de que o proxecto de Igualdade se consolide no CEIP de Seixo, nunhas idades nas que se forma o pensamento crítico e a aprendizaxe é vivencial.
Nestes momentos, desde a ANPA Abelendos están a realizar unha campaña de crowdfunding para alcanzar os 1.000 euros que lles permitan levar a cabo talleres e actividades que abarcan a igualdade, as diversidades e a prevención de violencias. A piques de conseguir a metade desta cantidade, fan un chamamento para toda aquela persoa que queira achegar o que considere a partir de tan só 5 euros na seguinte ligazón: www.gofundme.com/f/colabora-c-noso-proxecto-pola-igualdade
MULLERES DE PELÍCULA
Este mes de outubro arrincaba o primeiro dos talleres de Igualdade do curso, "Mulleres de película", no que se convida ao alumnado a reflexionar sobre as personaxes que aparecen en pantalla e o papel que o cinema asigna á muller e ao home, tanto diante como detrás das cámaras, mentres descobren que cada nena ou neno "pode ser o que queira ser e a importancia de respectar e valorar calquera diferenza". ⠀⠀⠀⠀⠀⠀⠀
As sesións, que corren a cargo da empresa IGUALADAS Consultoría y Formación, realízanse en horario lectivo e abarcan a todas as idades do CEIP de Seixo, desde Infantil ata 6º de Primaria, ademais dunha sesión coas familias que se desenvolverá na Biblioteca Municipal de Marín.
Desde IGUALADAS cóntannos que un elemento diferenciador das actividades que están a levar a cabo no CEIP de Seixo, e tamén moi preto en Cela (Bueu), ademais de centros educativos de toda Galicia, é a metodoloxía baseada na acción e o movemento, "non nos gusta o formato charla, facemos talleres divertidos, nos que facemos protagonistas ás e os participantes fomentando en todo momento a creatividade, a expresión das emocións e o respecto", así como "espertar o pensamento crítico a través do asombro, a curiosidade e o debate".
O XOGO DA LURA
Desde a páxina de Instagram da consultora pontevedresa alertaban precisamente da necesidade de que os contidos que se lles ofrecen aos máis pequenos estean adaptados á súa idade. "Unha das primeiras cousas que facemos nas sesións do noso programa "Mujeres de Película" é preguntar ás nenas, nenos e/ou adolescentes cales son os seus personaxes favoritos de series e películas e por que. Saen personaxes e argumentos sorprendentes, pero nesta ocasión, estamos a levarnos algunha que outra sorpresa non moi agradable".
En concreto, referíanse a "O xogo da lura", a serie de moda de Netflix, "porque a están vendo menores de terceiro e cuarto de primaria, aínda que desde a plataforma avísase especificamente que a idade mínima recomendada son os 16 anos e que contén escenas de violencia, sexo, suicidio e especial crueldade".
Por iso é necesario que os valores que promove esta consultora de formación como son a "a defensa da igualdade de oportunidades para todas as persoas, a igualdade entre mulleres e homes, a defensa e a posta en valor das diversidades e o rexeitamento de calquera tipo de violencia machista" entren na escola e aproveitar o feito de que os menores estean a ver series de adultos, como "O xogo da lura", para darlle o seu espazo nos propios centros educativos, "onde poidan levar a cabo sesións de debate e de traballo de valores" ao redor delas.