Cerdedo-Cotobade inaugura o centro sociocultural de Tenorio, financiado con fondos derivados da fusión
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade inauguro este sábado o centro sociocultural de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, un proxecto resultado da fusión entre os antigos municipios de Cerdedo e Cotobade, pois beneficiouse de máis de 618.000 euros do fondo adicional para fusións de concellos do Fondo de Cooperación Local.
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, participou na inauguración do centro sociocultural xunto co alcalde do municipio, Jorge Cubela, e puxo en valor este investimento, pois o Fondo de Cooperación Local está xestionado pola Dirección Xeral de Administración Local, dependente da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia.
Durante a inauguración, Rueda destacou que a Xunta aposta polos servizos públicos compartidos e anunciou que destinará o vindeiro ano 1,5 millóns de euros ao fondo adicional de fusión de concellos do Fondo de Cooperación Local, unha partida da que se beneficiará o concello de Cerdedo-Cotobade, fusionado no ano 2017, e o de Oza-Cesuras, fusionado no ano 2013.
Con esta consignación, que figura no anteproxecto dos Orzamentos 2022 da Xunta, o Goberno galego ratifica a súa aposta pola xestión compartida de servizos na que Galicia foi pioneira e que está a ser imitada por outras comunidades autónomas, o que, segundo o vicepresidente primeiro, confirma que "Galicia vai polo bo camiño".
Estas achegas teñen un carácter non finalista e poderán ser aplicadas polos concellos para o financiamento de gastos de natureza produtiva ou xeradora de emprego, para obras ou servizos, gastos de persoal, gastos correntes en bens e servizos, amortización de débeda ou calquera outro gasto ou investimento acorde coas competencias municipais.
Cerdedo-Cotobade recibiu máis de 4 millóns de euros desta partida nos últimos catro anos, logo de que no ano 2017 se acordara a fusión de Cerdedo e de Cotobade nun só municipio.
Rueda tamén anunciou que o Goberno galego vai realizar un estudo sobre os procesos de fusión para facer balance de resultados das iniciativas postas en marcha tanto en Cerdedo-Cotobade como en Oza-Cesuras.
Relacionadas:
-
Un aparcamento e unha área recreativa completarán o centro sociocultural de Tenorio
Por Redacción |
-
A ampliación da residencia de maiores de Cerdedo-Cotobade eleva a 64 as prazas públicas no municipio
Por Redacción |
-
O Concello de Cerdedo-Cotobade ábrese á coxestión dos espazos públicos coas entidades sociais
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade, exemplo para novas fusións que a Xunta quere impulsar en Galicia
Por Redacción |