A humanización de espazos públicos en Cerdedo-Cotobade, nas mans da veciñanza
Por Redacción
Humanizar os espazos públicos onde hai concentración de nenos e persoas maiores para mellorar a calidade de vida nos ámbitos urbanos e rurais. Ese é o obxectivo que se marcou o goberno municipal de Cerdedo-Cotobade coa redacción dun plan de mobilidade sostible.
Pero non vai a elaborar ese documento por si sos. Decidiu abrir un proceso de participación colectiva entre a veciñanza para que contribúan a deseñar este plan.
Para iso, unha empresa especializada fará un traballo de campo que permitirá redactar o plan. Técnicos do equipo redactor fomentarán a participación cidadá a través de xuntanzas cos colectivos sociais, culturais ou veciñais, as ANPA, cazadores ou ecoloxistas.
O alcalde, Jorge Cubela, destaca que se trata de elaborar un plan estratéxico que pretende modificar a mobilidade urbana "producindo importantes cambios no reparto modal, promovendo estratexias de baixa emisión de carbono, melloras do entorno urbano e rural, e o impulso da inclusión social, para conseguir así núcleos de poboación máis sostibles".
Unha vez recollidas as suxestións, propostas e iniciativas da veciñanza redactarase un plan de acción con medidas concretadas no documento.
"Será un proxecto colectivo feito por todos nós e que fixará as bases do futuro do municipio de Cerdedo-Cotobade en canto a propostas e actuacións que se leven a cabo nos núcleos rurais e urbanos para favorecer a mobilidade e aumentar a calidade de vida", subliñou Cubela.