Unha placa na súa casa de comidas lembrará á restauradora Inés Vidal en Carballedo
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado polos veciños de Carballedo descubrirá o vindeiro sábado 20 de novembro, a partir das 12 do mediodía, unha placa adicada a Inés Vidal Lois, unha restauradora que lle deu nome á Casa Inés, un dos establecementos gastronómicos máis senlleiros do municipio.
O acto, promovido polo Concello e os propios veciños de Inés Vidal Lois, celebrarase en Casa Inés e recoñecerá o labor pioneiro desta muller que soubo facer dos seus fogóns o seu modo de vida e sacar adiante á súa familia ao tempo que ía creando un nome e unha fama.
Neste acto, o xornalista gastronómico Guillermo Campos glosará a vida e obra de Inés Vidal Lois como unha das pioneiras na promoción e desenvolvemento do turismo gastronómico na provincia de Pontevedra.
O alcalde, Jorge Cubela, salientou "o carácter e o emprendementodas mulleres do noso concello que como Inés foron quen de sacar adiante a súa familia e, non so iso, preservar eses coñecementos gastronómicos que agora desenvolve tamén con mestría a súa filla para deleite de todos nós".
"Non queriamos que ese recoñecemento quedara no esquecemento e pese a que por culpa da pandemia tivemos que postergar esta celebración, esta lembranza, agora cremos que é o momento de rendirlle cumprida homenaxe e que todos os que tivemos a honra de coñecela e o pracer de degustar os seus pratos poidamos acopañar á familia neste acto de recoñecemento a través do descubrimento dunha placa co seu nome, precisamente na casa onde nace, morou e desde onde contribuíu a darlle a fama e o prestixio que ten a gastronomía do noso concello en toda Galicia", concluíu o alcalde Jorge Cubela.