A alcaldesa de Marín comprométese cos hostaleiros a promocionar o Vial de Praias máis aló do verán
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín reuníronse con representantes de varios establecementos ubicados na zona do Vial de Praias para escoitar as súas demandas.
Precisamente o bo tempo que se está rexistrando no outono convida a pasear polos areais e a consumir nos locais de hostalería que se atopan ao longo desta contorna. Neste sentido, os hostaleiros manifestan que súa actividade segue en inverno.
No encontro solicitaron ao Concello que se promova unha campaña que permita desestacionalizar o consumo nesta zona da vila e promocione o litoral marinense fóra da época estival.
"Moitas veces, a xente nin sabe que seguimos traballando durante o inverno", aseguran os hostaleiros, que mesmo teñen establecementos adaptados para seguir abertos durante a época na que a climatoloxía é algo máis adversa.
Desde o Concello, a alcaldesa brindoulles toda a colaboración "para que poidamos deseñar algunha iniciativa coa que revitalizar o primeiro trimestre do ano, que quizáis sexa o máis complexo a nivel de negocio e de atracción de persoas ás praias", manifestoulles María Ramallo.
A rexedora engadiu que "temos que chegar a aqueles que só nos visitan no verán. O sendeiro das praias non só é sinónimo de ocio, senón tamén de aventura, de deporte, de vida sá, de desconexión… E todo iso non ten data marcada no calendario".
A actuación nesta zona do litoral é prioritaria, como lembran fontes municipais ao referirse a que a reparación do Vial de Praias e o fomento dun turismo de calidade, sostible e de proximidade é un dos eixos centrais do Plan de Sostibilidade Turística, presentado esta fin de semana polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a alcaldesa. O financiamento para este Plan vén dos Fondos Next Generation da Unión Europea, que achegarán 2 millóns de euros de axuda.
"Agora, estamos a traballar na adecuación do noso plan (que inicialmente estaba pensado para 2,8 millóns de euros) á cantidade que nos queda, para cubrir correctamente os eixos que nos esixe a Unión Europea e para pechar con solidez os proxectos que se desenvolverán dentro da estratexia", sinalou a alcaldesa.
Relacionadas:
-
O Vial de Praias, candidato de novo a Sendeiro Azul coa vista posta na mellora da súa accesibilidade
Por Redacción |
-
Restaurar o Lago Castiñeiras e crear piscinas naturais de auga salgada, propostas estrela para acadar un turismo sostible
Por Redacción |
-
Unhas piscinas naturais de auga salgada, próximo paso para unir Marín co mar
Por Alejandro Espiño |
-
Marín prevé renovar o viario das praias cun investimento de 1,8 millóns de euros
Por Redacción |