Reservan medio cento de aparcamentos en Campolongo para usuarios do 'vacunódromo'
Por Alejandro Espiño
Ata catro rúas da contorna da delegación da Xunta en Campolongo quedarán reservadas para as persoas que deban acudir ao 'vacunódromo' habilitado por Sanidade durante o próximos quince días para recibir a terceira dose da vacina.
O Concello decidiu destinar a este fin todos os aparcamentos, tanto libres como de servizos, das rúas Luís Braille, Alfonso X, Taboada Nieto e Iglesias Vilarelle. Entre as 9 e as 14 horas e entre as 16 e as 21 horas, só poderán aparcar nelas os pacientes citados.
Poderán ocupar esas prazas durante un máximo de quince minutos, xa que segundo explicou a edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, para esta terceira picada xa non haberá que esperar un cuarto de hora nas instalacións sanitarias tras ser inmunizado.
A reserva deste estacionamento, nun principio, será entre os días 19 e 30 de novembro, os días nos que está previsto inmunizar aos maiores de 70 anos.
En total haberá medio centenar de prazas de aparcamento reservadas, a maiores das dispoñibles para persoas con mobilidade reducida, que manterán o seu uso habitual.
Ademais, pola Rúa Espincelo, a vía peonil pola que se accede ao edificio da Xunta, non poderá entrar ningún vehículo, excepto os servizos de carga e descarga.
Todo este dispositivo estará controlado pola Policía Local e por efectivos de Protección Civil.
Eva Vilaverde fixo un chamamento para que os chamados por Sanidade para vacinarse sexan puntuais e non acudan antes da hora que figura nas súas citas e para que, na medida do posible, o resto de cidadáns eviten circular por esta zona da cidade.
Relacionadas:
-
As prazas de estacionamento do 'vacunódromo' deixarán de estar operativas desde o luns
Por Redacción |
-
Galicia reabre os 'vacinódromos' coa mirada posta en vacinar "o antes posible" aos escolares
Por Alejandro Espiño |
-
O 'vacinódromo' terá prazas de estacionamento de balde só para as persoas con mobilidade reducida
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade habilita a sede da Xunta en Campolongo como centro de vacinación masiva
Por Redacción | Creada e actualizada