Detido un ladrón por roubar as caixas rexistradoras de tres negocios e levar un cuantioso botín
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo un veciño de Pontevedra de 33 anos con antecedentes policiais como presunto autor de tres delitos de roubo con forza en establecementos da cidade en tres días consecutivos do 21 ao 23 de novembro.
O primeiro roubo foi o 21 de novembro, cando presentou denuncia o propietario dun establecemento comercial da praza de San José no que un ladrón fracturou o cristal da porta de acceso, accedeu ao interior e roubou o contido da caixa rexistradora.
Neste primeiro roubo, en total, levou 500 euros da recadación e un bolso valorado en 200 euros.
Durante a noite do día 22 de novembro produciuse o segundo roubo con forza, nesta caso, nun restaurante da rúa do Bardo, na Cidade de Pedra.
O modus operandi foi o mesmo. Accederon tras fracturar o enreixado de entrada e, unha vez dentro, subtraeron o contido da caixa rexistradora, dalgúns caixóns e do bote de propinas. En total, levaron 1.280 euros e causaron danos valorados en 200 euros.
O 23 de novembro produciuse o terceiro roubo nun establecemento nas galerías da rúa Oliva. De novo, o autor fracturou a porta de cristal de acceso ao establecemento e levou o interior da caixa rexistradora. Neste caso, levou 105 euros.
Por mor das denuncias presentadas, os axentes iniciaron as investigacións para pescudar a identidade do presunto autor e os axentes da Brigada de Policía Científica realizaron as correspondentes inspeccións oculares para tratar de achar algún tipo de proba.
Unha vez concluídas as pescudas, e tras pescudar a identidade do autor os axentes, detivérono o 26 de novembro nas inmediacións da Praza de Galicia.