O Concello de Poio e Zona Franca elaborarán un plan estratéxico para o municipio
Por Oskar Viéitez
O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, asinou este xoves co concelleira de Promoción Económica do Concello de Poio, Gregorio Agís, un convenio para a realización dun plan estratéxico do municipio
David Regades explicou en rolda de prensa que este plan establecerá as directrices para unha estratexia que supoña un proxecto a longo prazo e incluirá un diagnóstico territorial, obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións "específicas, claras e realistas" para a mellora da competitividade económica, a calidade de vida e para crear emprego.
Ademais, subliñou que "o proceso será participativo" e organizaranse xornadas para recompilar opinións de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros de Pontevedra, "co obxectivo de enriquecer a proposta de accións para o futuro".
Esta "folla de ruta" xa empezou hai uns meses cunha fase de diagnóstico na que a empresa consultora Auren está a analizar a economía e o tecido empresarial de Poio e da comarca de Pontevedra. O traballo terá en conta a repercusión social e económica da crise do Covid-19 e analizará parámetros como tecnoloxía, innovación e internacionalización, a contorna política e legal, a sociedade e cultura, demografía, medioambiente e sustentabilidade, así como iniciativas de interese.
A información sintetizarase nunha matriz DAFO, unha ferramenta de estudo para determinar debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades e a partir de aí redactarase un informe final.
Ademais, realizarase unha selección de proxectos exitosos, con obxectivos similares, tanto de España como internacionais, que poidan resultar inspiradores e que se poidan aplicar.
Finalmente elaborarase unha lista de axudas públicas susceptibles de financiar a implementación dos programas e actuacións propostas e formularanse unha batería de indicadores que faciliten a avaliación e seguimento periódico das accións e permita a toma de decisións.
Para a consecución dos obxectivos, constituirase un grupo de traballo paritario con tres representantes de cada parte.
Gregorio Agís agradeceu ao delegado da Zona Franca a elaboración deste Plan Estratéxico específico para Poio que "é un concello moi xoven, dinámico e con importantes empresas" que precisa "poñer en valor os nosos recursos e testar as nosas debilidades".
Relacionadas:
-
Zona Franca mediará para desbloquear os accesos ao polígono empresarial de Veigas de Almorzar
Por Redacción |
-
Zona Franca trazará un plan para impulsar Caldas, Cuntis, Catoira e Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Tino Fernández cualifica de "patéticas" as declaracións do PP sobre a elaboración dun Plan Estratéxico para Pontevedra
Por Redacción |
-
Zona Franca analizará a economía de Arousa e O Salnés para propoñer unha folla de ruta na saída da pandemia
Por Oskar Viéitez |