Román Rodríguez anuncia a ampliación do instituto Aquis Celenis en Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodriguez, vén de anunciar a ampliación do instituto IES Aquis Celenis, en Caldas de Reis.
Nunha visita, o titular do departamento educativo do Goberno galego sinalou que o obxectivo desta intervención é "dar resposta ás necesidades de escolarización da zona", cun investimento estimado de arredor de 3 millóns de euros.
Neste momento o centro conta con 377 alumnos, o que obriga a ocupar todos os espazos do centro, incluídos os departamentos e as salas de profesores. Coa ampliación solucionarase esta situación, a través da construción de aulas polivalentes para as etapas tanto de ESO como de Bacharelato.
Así mesmo, está previsto que a obra inclúa unha nova aula de música, espazo de creación, ximnasio e vestiarios e varios espazos para o profesorado, constituíndo unha superficie construída total de 2.372 metros cadrados.
Román Rodríguez explicou que a Consellería ten previsto asinar un convenio co Concello de Caldas de Reis para esta ampliación. Unha vez asinado, a Xunta encargará o proxecto, para o que xa figura nos Orzamentos de 2022 unha partida de 50.000 euros. A previsión é iniciar as obras no ano 2023.
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, valora positivamente o estudo previo para a ampliación do IES Aquis Celenis que recolle a proposta do Concello de ampliar en altura o actual edificio para mellorar a oferta educativa e ampliala coa impartición de novos ciclos formativos de FP.
O alcalde celebra que finalmente a Xunta "avance na petición formulada polo Concello no ano 2018 para mellorar a infraestrutura e instalacións do Instituto e poder ampliar deste xeito a oferta educativa de FP para dar servizo a toda a comarca de Caldas".
Pola súa banda, o portavoz do BNG en Caldas de Reis, Manuel Fariña, entende que este ampliación "debe incluír unha nova oferta formativa para o centro como sería a formación en ciclos profesionais, porque a día de hoxe as rapazas e os rapaces da contorna que desexan formarse na FP teñen que desprazarse obrigatoriamente até A Estrada ou Pontevedra".
Relacionadas:
-
A Xunta investirá arredor de 3,5 millóns na ampliación do instituto Aquis Celenis
Por Redacción |
-
O martes asinarán o convenio para a ampliación do IES Aquis Celenis
Por Redacción |
-
Caldas ofrece colaboración á Xunta para facilitar a ampliación do IES Aquis Celenis
Por Redacción |
-
O Concello distribúe 12.000 bolsas da campaña "Eu merco en Caldas" entre o comercio e a hostalería
Por Redacción |
-
O Concello propón ampliar en altura o Instituto Aquis Celenis
Por Redacción |
-
Caldas quere expropiar a leira María a Recha e esixe á Xunta o proxecto de ampliación do IES Aquis Celenis
Por Redacción |
-
O IES Aquis Celenis considera que a ampliación do centro en altura non permitiría ofertar ciclos formativos
Por Oskar Viéitez |
-
Estudan a posibilidade de aumentar nunha altura o edificio do instituto de Caldas de Reis
Por Redacción |