A Deputación esixe ao PP que pida perdón tras a sentenza que ratifica a relación laboral de 38 bolseiros coa administración provincial
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Supremo ven de ratificar o fallo anterior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que se establecía, do mesmo xeito que fixese o Xulgado do Social, a existencia dunha relación laboral entre 38 bolseiros e a Deputación de Pontevedra.
A Deputación expresou o seu respecto á decisión do Supremo e esixiu ao Partido Popular que pida desculpas públicas polo seu plan de práctica laboral xa que, segundo o deputado Carlos Font "daqueles pos de plans indignos e irregulares chegan agora estes lodos".
O secretario comarcal de Comisións Obreiras (CC. OO.) en Pontevedra, José Ramón Piñeiro Piñeiro, valorou que esta nova sentenza "vén demostrar con contundencia e con toda a claridade que a Deputación utilizou, de forma fraudulenta, aos bolseiros para que fixesen labores propias de persoal laboral coa intención de abaratar custos de persoal e de realizar pagos de favores".
A Deputación aludiu á "catarata de herdanzas envelenadas do anterior goberno"
Piñeiro lembrou que Comisións Obreiras xa advertiu no seu momento ao Goberno Provincial de que "se estaban utilizando aos bolseiros para realizar traballos que correspondían ao persoal laboral" e que, "este sindicato non permitiría esta fraude", algo que foi corroborado pola Inspección de Traballo que cambiou o epígrafe dos bolseiros nas cotizacións á Seguridade Social, pasándoos a persoal laboral.
Jose Ramón Piñeiro asegurou que o Supremo dá a razón ás denuncias de Comisións Obreras e "demostra que o Equipo de Goberno está a facer unha política de persoal nefasta e impropia dun goberno socialista, non tendo en cuenta a legalidade vixente e ignorando a negociación cos representantes do persoal".
Segundo Piñeiro, esta actuación implica un desembolso importante "á parte de ter que crear as prazas destes traballadores". Agora espera que "lle sirva de lección" ao Goberno Provincial para que, a partir de aquí, "se cumpra a legalidade vixente e teñan en conta aos representantes dos traballadores e desta forma non se malgaste o diñeiro dos cidadáns".
RESPOSTA DA DEPUTACIÓN
O goberno da Deputación de Pontevedra expresou este luns o seu "máximo respecto" á sentenza do Tribunal Supremo, e lembrou que eses 38 bolseiros denunciaron "o antigo Plan de Práctica Laboral, ideado, creado e posto en marcha polo Partido Popular en 2012, con Rafael Louzán na presidencia".
"O Plan de Práctica Laboral creouno o goberno de Louzán, desenvolveuno o goberno de Louzán e foi o goberno de Louzán quen sacou peito con este plan de bolsas cuxas consecuencias son as que agora nos traen ata aquí", dixo o deputado responsable de Persoal, Carlos Font, que esixiu ao PP que "polo menos pida desculpas públicas por un plan de bolsas que tivo que eliminar este goberno ante as numerosas irregularidades e problemas que causaba, e substituílo en canto púidose por un programa de contratos en prácticas, con salarios e condicións laborais dignas".
O deputado, que aludiu á "catarata de herdanzas envelenadas do anterior goberno", tamén expresou a súa "incredulidade pola sobreactuación do responsable sindical de CCOO na Deputación, José Piñeiro, que correu sen rubor a tentar adxudicar a este goberno a responsabilidade desta decisión xudicial, cando na etapa política anterior aplaudía a rabiar o Plan de Práctica Laboral de Louzán e nunca o denunciou".
"Hai que ter moi pouca vergoña e mala memoria, dixo Font, para esquecerse de como defendeu aquel plan contra vento e marea, así como cada unha das decisións do goberno do PP de infausto recordo. Como sindicalista é tan responsable como o grupo popular", sentenciou Carlos Font.
O deputado socialista engadiu tamén que "resulta lamentable que Piñeiro vanglóriese da súa suposta denuncia cando non deixa de ser unha fantochada totalmente falsa porque o proceso comezou por unha inspección de oficio realizada pola Inspección de Traballo, do mesmo xeito que inspeccionou a outras entidades públicas e privadas".
Relacionadas:
-
Tenso debate na Deputación sobre a sentenza dos bolseiros con críticas de Carmela Silva ao uso da TVG "para maior gloria do PP"
Por Anxo Lourido |
-
O PP asegura que na Deputación "está instaurada la ley del silencio" respecto a aqueles asuntos que lle son "incómodos"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP esixe á Deputación un plan propio para potenciar os castros da provincia
Por Redacción |
-
O PP reclama explicacións no pleno de Carmela Silva sobre a sentenza dos bolseiros da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
O PP reclama explicacións pola sentenza que condena á Deputación por contratar a 38 falsos bolseiros
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras inicia unha campaña contra a represión sindical e a precariedade laboral da Deputación
Por Manu Otero |
-
A Deputación recorrerá a sentenza que recoñece como empregados a 38 ex bolseiros
Por Oskar Viéitez |
-
O grupo provincial do Partido Popular arremete contra Carmela Silva polo caso dos bolseiros
Por Redacción |
-
Un xulgado de Pontevedra converte a 38 ex bolseiros da Deputación en persoal laboral
Por Alejandro Espiño |