Así quedou a aldea de Ermelo, un "antes e un despois" para o "cerne do Morrazo"
Por Redacción
Tras dúas fases de obras, nas que se investiron máis de 200.000 euros achegados pola Deputación de Pontevedra, a aldea de Ermelo estreou oficialmente a súa nova imaxe.
Esta actuación, segundo destacaron o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o deputado provincial Santos Héctor, supuxeron un "antes e un despois" na revitalización deste espazo rural, considerado como o "cerne do Morrazo".
Os traballos de rexeneración consistiron no acondicionamento da praza pública e na substitución do pavimento de asfalto por outro de mestura entre o lastro e o enlousado de granito. Tamén se soterraron os tendidos eléctricos e se instalaron bancos e unha marquesiña.
A segunda fase incluíu a pavimentación con granito da zona baixa da aldea, coñecida como Camiño da Fonte, e da zona alta, concretamente no camiño que vai dende o recinto da igrexa ata o cruce do camiño de acceso á Esculca.
Para o goberno local, a rexeneración da contorna da aldea de Ermelo é un dos proxectos "máis ilusionantes" dos últimos anos, porque con el se consegue poñer en valor o patrimonio e a cultura deste núcleo histórico e tradicional.
"Estamos moi satisfeitos do traballo feito e de como está a ser o resultado", explicou o alcalde, que destacou, ademais da posta en valor deste espazo, a renovación dos servizos básicos para a veciñanza como o alumeado, o saneamento e o abastecemento de auga.