Proxectan unha rampla de madeira para mellorar a accesibilidade da praia fluvial de Calvelo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade proxecta unha actuación na praia fluvial de Calvelo para mellorar a accesibilidade cunha rampla de madeira, barandas de seguridade, limpeza integral e eliminación de especies invasoras. O custe destes traballos está orzamentado en 24.186 euros e un tempo de execución fixado nun mes e medio.
Esta intervención optará a fondos europeos destinados pola Xunta de Galicia para a mellora medioambiental de recursos naturais na Red Natura.
Entre os traballos a realizar, os técnicos consideran que os valados de madeira da praia de Calvelo se atopan en bo estado, así como o acceso ao areal mediante as escaleiras de madeira, pero estima oportuna a instalación de barandas de madeira que protexan durante o descenso á zona de baño.
Por outra banda, nas escaleiras de pedra situadas na zona sur, consideran necesario mellorar a accesibilidade mediante a instalación dunha rampla de madeira de 1,80 m de ancho e cunha pendente máxima do 10%, o que fará posible o acceso á xente con mobilidade reducida á zona de baño.
Do mesmo xeito, nesta escaleira de pedra, no espazo que non se cubra coa rampla propoñen á instalación dunha baranda metálica situada na metade das escaleiras, servindo esta de apoio e axuda para o ascenso ou descenso dos usuarios.
ELIMINACIÓN DUN FORTE DESNIVEL CREADO POLAS ENCHENTES DO RÍO
Na zona de baño o río, a través do seu percorrido, foi lentamente arrastrando a area e deixando un forte desnivel deixando ao descuberto a base do camiño o que supón un perigo para os usuarios da praia.
Para corrixilo, os técnicos propoñen a creación dunha protección da marxe na zona de baño erosionada mediante a implantación dun sistema tipo escollera, acorde co entorno e a paisaxe para resistir os caudais das avenidas do río. Ademais, realizarase tamén o aporte da area necesaria para un axeitado desfrute da zona de baño.
Logo da realización destes traballos, os técnicos recomendan que se proceda á limpeza da zona de merendeiro, o muro de pedra e as terras anexas ás zonas de acceso á zona de baño.
Por último os técnicos estiman moi necesaria a posta en marcha dunha intervención medioambiental na contorna, destinada á eliminación de plantas invasoras entre a que é mais abundante a mimosa.
Relacionadas:
-
A praia fluvial de Cerdedo buscar dar un salto de calidade
Por Redacción |
-
Limpan a maleza da Ponte Nova de Fentáns
Por Redacción |
-
As obras do Centro Cultural e Turístico 'Antonio Fraguas' finalizarán este mes
Por Redacción |
-
Acondicionan varias estacións rupestres de petróglifos en Campo Lameiro e Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE de Cerdedo-Cotobade pide un acceso alternativo ao área recreativa de Calvelo
Por Redacción |