Sesenta nenos diabéticos quedan sen atención especializada polo peche da consulta infantil no Provincial
Por Natalia Puga
A asociación Anedia denuncia que a área sanitaria de Pontevedra e Salnés queda desde este xoves sen a consulta específica de diabetes infantil que funciona desde hai anos no Hospital Provincial e que atende a 60 nenos en idade pediátrica con esta enfermidade que "quedan sen atención especializada".
Desde a Asociación de Nenos e Meniñas e Xente Nova con Diabete de Galicia ( Anedia) explican que tiveron coñecemento da decisión na tarde deste mércores e a noticia xerou preocupación e enfado xeneralizado entre as familias afectadas.
Fuentes oficiais da área sanitaria responden a PontevedraViva que desde a Dirección Asistencial da área sanitaria "programouse unha alternativa asistencial de continuidade" para que os pacientes sexan atendidos por especialistas do servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Desta forma, a partir de agora, o seguimento destes pacientes levarao un pediatra, pero desde a asociación lembran que esta unidade de consultas diabetológica require formación especializada coa que non contan todos os pediatras, de modo que a atención especializada desaparece.
A entidade engade que o pacientes diabéticos, polas características da enfermidade, "precisan consultas presenciais periódicas, pero tamén atención en liña e telefónica habituais" para controlar os niveis de glicosa e regular a inestabilidade da propia enfermidade, que a partir de agora tampouco terán.
A asociación esixe "a reapertura inmediata" do servizo e explica que tenta contactar coa Xerencia "para solicitar información sobre o futuro desta unidade", pero ata o momento "non foi posible obter explicación algunha".
A unidade atendíaa ata o de agora unha especialista que xa se formou coa anterior responsable do servizo e tamén recibiu formación específica, de modo que tiña unha especialización que a convertía na profesional idónea para o posto, pero deixou o servizo porque aceptou unha interinidade no Hospital do Salnés.
A Xerencia confirma esta interinidade e desde Anedia engaden que "causou baixa polas pésimas condicións laborais" nas que estaba a traballar, pois estaba "a encadear sistematicamente contratos dun mes de duración".
Segundo sostén a asociación, esta doutora pediu prolongar por máis tempo a súa contratación, pero rexeitáronlle a petición e aceptou unha praza de interina no Hospital do Salnés. Continúa na mesma área sanitaria, pero terá a partir de agora funcións diferentes.
Desde Anedia piden a reapertura e, "se é posible" coa mesma profesional, pero "en mellores condicións laborais". E critican que "por criterios económicos" non se garanta a estabilidade laboral do persoal sanitario "e se poña en perigo a saúde dos nenos e nenas con diabetes".
Esta profesional incorporarase ao seu novo posto o 1 de marzo, de modo que na práctica, desde este xoves, 24 de febreiro, está pechada a unidade e, de feito, segundo indican desde Anedia, "xa se anularon as consultas fixadas para as próximas semanas".
A unidade ten na actualidade 60 nenos, dos que 20 utilizan unha bomba de insulina e "non se sabe que pasa con eles". Hai, por exemplo, un caso dun neno que está nestes momentos no proceso de poñer a bomba que queda sen servizo coa implantación sen culminar.
Relacionadas:
-
O Sergas, partidario de consolidar o protocolo de atención a nenos e nenas con diabete
Por Redacción |
-
O Sergas reorganiza servizos e mantén a consulta especializada para nenos diabéticos
Por Natalia Puga |
-
'Manuela é nova na escola', un libro de Os Bolechas para normalizar a diabetes nos colexios
Por Natalia Puga |