Cita multitudinaria coas 'tres grazas' en San Bartolomeu
Por Mónica Patxot & María José Pita
Este primeiro venres de marzo, como é tradición, centos de pontevedreses acudiron a realizar o ritual das 'tres grazas' que, por segundo ano consecutivo e debido á situación sanitaria, trasladouse á igrexa de San Bartolomeu.
As 'tres grazas' están relacionadas coas tres caídas que sufriu Cristo durante a subida coa cruz desde o pretorio ao monte do Calvario, e que se evocan no Vía Crucis.
As imaxes dos fieis foron captadas ao mediodía, momento no que se ía incrementando a presenza de devotos que se achegaban a facer as súas solicitudes de favores ante a imaxe do Xesús Nazareno.
O cambio de emprazamento provocou que non se formen as longas colas que se producían ante a capela do Cristo Nazareno da rúa Tetuán. Tanto por ser San Bartolomeu un espazo máis amplo como pola perfecta organización, con entradas e saídas diferenciadas.
Todo este operativo está coordinado por persoas voluntarias membros da xunta pastoral de San Bartolomeu. Entre eles, o presidente da liturxia da parroquia, Jesús Medrano, quen explica a PontevedraViva que "aínda que parece que non hai tanta xente, entre que entran e saen, está a vir moitísima xente, desta forma é máis áxil, máis seguro".
Jesús Medrano non pode dar unha cifra das persoas que forman parte deste operativo, "somos entre 7 e 8 voluntarios por quenda cada hora", por iso é polo que o número final é alto, dado que a igrexa permanece aberta durante 13 horas seguidas.
Un labor dos voluntarios é guiar a oración, que permite que os fieis teñan uns minutos de recollemento.
"Hai unha oración que se repite tantas veces como se puidese encher a igrexa, é dicir, desde as 9 da mañá que se empeza ata as 10 da noite, e no medio hai unha misa ás 9:30 e outra ás 18:30, este ano excepcionalmente dinme que hai outra misa ás 17:30 pero é por un funeral", indica o presidente da liturxia da parroquia de San Bartolomeu.
Outra función dos voluntarios é controlar calquera incidencia na entrada e saída de fieis, moi especialmente no que se refire ás candeas, cuxo acendido está prohibido dentro do templo, con excepción de pequenos cirios nunha zona de lucernario habilitada e vixiada. Tampouco está permitido tocar a imaxe coa estampa conmemorativa pero, aínda que se rodeou ao Nazareno con centros de flores para manter a distancia, na práctica é difícil limitar esta tradición.
Os motivos para pedir as 'tres grazas' son variados e moi persoais. Atrevémonos a preguntarlle a Jesús Medrano polo seu e a resposta engade un matiz de celebración a este día. "Eu sempre veño máis a dar as grazas que a pedir grazas, e este ano aínda máis porque me deu un infarto hai pouco e estou aquí, entón máis aínda", confesa mentres un sorriso adivíñase a través da máscara.
Relacionadas:
-
Pontevedra acode á súa cita anual co Nazareno
Por Redacción |
-
"Este año el Nazareno lo va a tener muy fácil. Creo que todos le pedimos lo mismo"
Por Oskar Viéitez |
-
A celebración das Tres Grazas trasládase este ano a San Bartolomeu
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Boa Vila cumple coa tradición de pedirlle as Tres Grazas ao Nazareno
Por Redacción |
-
Os pontevedreses cumpren coa tradición das Tres Grazas
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Os devotos do Nazareno aguantan choiva, vento e frío para pedir as Tres Grazas
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |