Raxó recupera as festas de San Gregorio tras o parón pola covid-19
Por Redacción
Tras a ausencia obrigada pola pandemia, a parroquia de Raxó recupera as festas en honra a San Gregorio. Será os días 12 e 13 de marzo, segundo anunciou a comisión organizadora.
Haberá pasarrúas a cargo da Escola Tradicional de Poio e Vides Novas de San Salvador, misa en honra ao patrón da parroquia ás 12:30 horas e a actuación da orquestra Los Satélites, considerada unha das mellores orquestras de Galicia, e o grupo Rever.
Xa o domingo día 13 será a quenda dos máis pequenos da casa cunha festa infantil a cargo de Javi Solla ás 17:00 horas e animación a cargo da charanga Mil9.
A festa organizarase este ano coas achegas realizadas tanto por veciños como por casas comerciais en 2020, motivo polo cal este ano a comisión non realizou a habitual petición de fondos pola parroquia.
Desde a comisión de festas agradecen a colaboración de veciños, empresas, autónomos e distintas administracións para poder organizar esta festa.