Santa Clara contará con visitas guiadas todos os días de Semana Santa
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, avanzaba este martes a programación de visitas prevista polo Concello de Pontevedra ao antigo convento de Santa Clara durante as próximas semanas. O rexedor indicou que se mantén unha gran demanda cidadá para coñecer as instalacións e cuantificou en 10.000 o número de persoas que visitaron este espazo desde que pasou a ser público coa adquisición por parte do Concello. "Isto implica que acertamos na compra, ben recibida pola cidadanía", argumentou o mandatario pontevedrés.
Lores sinalou que se está facendo un forte esforzo para que toda a cidadanía interesada poida realizar as visitas e, neste sentido, anunciaba que para aquelas persoas maiores que contan con dificultades para acceder a Internet, o Concello destinará a fin de semana do 7 e 8 de abril para que poidan realizar a visita. Antes, na xornada do xoves 31 de marzo, entre as 10.00 e as 14.00 horas, deberán inscribirse no edificio municipal situado na Rúa Churruchaos, tras o antigo Concello.
Estableceranse durante eses dous días de visita, catro sesións diarias de 20 persoas cada unha. No caso de que exista unha demanda maior por parte deste sector de poboación, o goberno local estudaría novas datas.
Está previsto que durante todas as fins de semana de abril e durante todos os días de Semana Santa se programen visitas guiadas de 20 persoas por quenda ás instalacións. Fernández Lores advertiu que a intención é que tamén se prolonguen durante o mes de maio, sempre dependendo do inicio das obras de estudo que a Deputación de Pontevedra contratou para analizar as posibilidades de que estes inmobles se convertan en espazo para albergar os fondos arqueolóxicos do Museo de Pontevedra. Na Semana Santa haberá nove días de visitas continuadas, do 9 ao 17 de abril, o que permitirá a entrada de 400 persoas, que se sumarán ás que se viñan apuntando.
Ademais, ao longo do mes de maio, con data aínda por determinar á espera de predicións meteorolóxicas, desenvolveranse outras dúas xornadas de portas abertas unicamente para visitar os xardíns do recinto.
"O Concello vai facer todo o posible para que todas as persoas que queiran coñecer Santa Clara poidan facelo", recoñeceu Miguel Anxo Fernández Lores, que admitiu que se está traballando no contido de programación cultural destinado a estas instalacións nos próximos meses coa posibilidade de albergar espectáculos de danza ou de música, explicou o alcalde.
Esta mesma fin de semana están programadas as Xornadas sobre o Entroido de Galiza, na antiga igrexa de Santa Clara, que comezarán ás 18.30 horas deste venres, 11 de marzo.
Sobre a posible adquisición da Casa das Misións Pontificias, situada na mesma mazá urbana, expuxo que se mantiveron contactos co Arcebispado pero "estamos á espera" da resposta por parte dos representantes da Igrexa. Tamén considera que é necesario que se estableza un convenio entre todas as administracións, como é o caso da Xunta de Galicia e do Estado para este espazo se finalmente forma parte do Museo de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O sector creativo pontevedrés descobre Santa Clara e acepta o reto de buscarlle usos culturais ao antigo convento
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Organizan visitas guiadas a Santa Clara para maiores de 65 anos con reserva de praza presencial
Por Redacción |
-
Esta semana comeza a temporada de visitas ás Ruínas de San Domingos
Por Redacción |
-
Estudan a cesión de mobiliario de Santa Clara para as prácticas do alumnado de Restauración
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Santa Clara contará co "maior e máis completo" estudo arqueolóxico da historia de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Xunta evita comprometerse con Santa Clara porque "non temos constancia oficial do que se quere facer aí"
Por Alejandro Espiño |
-
Comezan as primeiras visitas guiadas ao interior do Convento de Santa Clara
Por Redacción |
-
Pontevedra negociará co Arcebispado polo edificio anexo a Santa Clara
Por Alejandro Espiño |