Conclúen os traballos de instalación do primeiro parque de calistenia de Poio
Por Redacción
O concello de Poio xa dispón do que é o primeiro parque de calistenia no municipio. A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, vén de pasar revista ao tramo final dos traballos de instalación deste novo espazo, que servirá para fomentar hábitos saudables e a práctica deportiva ao aire libre, "filosofía na que vimos traballando desde hai anos e que tamén serve para dar resposta a unha demanda veciñal", engade a edil do Goberno municipal.
Esta área atópase a disposición da cidadanía nas inmediacións do parque de Costa Giráldez, en Lourido, na parroquia de San Salvador. Trátase dun enclave "ideal", tal e como sinala Caldas Moreira, xa que "estamos a falar dunha zona que é un punto de encontro habitual tanto para a veciñanza como para os e as visitantes de concellos limítrofes".
Neste novo parque de calistenia as persoas usuarias terán a posibilidade de levar a cabo traballos específicos e rutinas para fortalecemento muscular, coordinación, tonificación, forza e flexibilidade. Este espazo ocupa unha extensión de preto de 150 metros cadrados e ofrece elementos para a realización destes exercicios.
O parque ten unha capacidade para acoller a 10 persoas de xeito simultáneo. A día de hoxe a instalación xa está practicamente rematada, a falta de as condicións meteorolóxicas permitan o seu uso habitual por parte da veciñanza. Cómpre lembrar que a empresa responsable de executar a actuación foi Garopracim Sociedad Limitada, logo de resultar gañadora do concurso de licitación, cun orzamento que ascendeu a preto de 24.000 euros.
"Imos continuar traballando para mellorar e aumentar o número de lugares de esparcemento, zonas verdes e áreas ao aire libre que fomenten a práctica do deporte", garantiu a concelleira do Bloque Nacionalista Galego, que ten claro que a dotación deste parque de calistenia reforza aínda máis a contorna de Lourido como "lugar de referencia para gozar dun lecer saudable", toda vez que, ademais de atoparse entre as praias de Cabeceira e Lourido, tamén se sitúa nas proximidades doutras instalacións como o parque infantil.
Relacionadas:
-
Renovan as instalacións do parque infantil da Praza da Granxa
Por Redacción |
-
O parque infantil do Casal de Ferreirós será renovado e terá unha cuberta
Por Redacción |
-
Poio prevé o investimento de máis de 700.000 euros en infraestruturas deportivas durante 2022
Por Redacción |
-
Adxudicados os traballos de instalación do novo parque de calistenia de Lourido
Por Redacción |