Exposición no Mercado para reivindicar as seleccións deportivas galegas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o tenente de alcalde Tino Fernández achegábanse este venres ao primeiro piso do Mercado de Abastos para participar no acto de inauguración da mostra 'Galiza, un Pobo, unha selección'.
Trátase dunha exposición que reivindica a activación das seleccións galegas. A plataforma social Vía Galega promove a edición dunha revista, a publicación dun xornal, a gravación dun documental e a composición dun himno deportivo, entre outras accións, para avanzar neste movemento que reclama o dereito de Galicia a estar representada en todas as disciplinas deportivas con seleccións galegas e coa posibilidade de participar oficialmente en competicións internacionais.
A través de vinte paneis ofrécese un percorrido histórico sobre a evolución do deporte galego e tócanse temáticas como o deporte basee minoritario; os xogos olímpicos; o papel da muller, o deporte feminino e a igualdade; o tríatlon e o ironman; a importancia da auga como espazo de desenvolvemento do deporte galego; o fútbol; e unha visual centrada nos equipos de primeiro nivel en todas as disciplinas e deportes tradicionais.
A iniciativa defende que todos aqueles deportistas de alto nivel de Galicia compitan baixo a bandeira galega, impulsando tamén a igualdade de xénero. A mostra pódese visitar ata o 31 de marzo en horario de mañá e de tarde.