O Mercado de Abastos prepárase para un novo Ganapán larpeiro e creativo
Por Redacción
Os nenos máis larpeiros e creativos teñen unha cita esta fin de semana co programa de lecer infantil O Ganapán.
Haberá divertidos obradoiros de cociña nos que o chocolate terá un enorme protagonismo e talleres de manualidades nos que a imaxinación non terá límites.
O Gastroespazo acollerá o sábado 19 de marzo unha actividade na que os rapaces e rapazas de 4 a 10 anos elaborarán un biscoito marmolado, que fusiona o chocolate e a vainilla, e outra na que confeccionarán uns simpáticos polbos a partir de vasos e terrinas de cartón.
Para o domingo 20 de marzo están previstos un taller para elaborar unhas chocobombs ou esferas recheas de chocolate e outro no que poderán crear uns foguetes espaciais.
Os talleres desta actividade promovida pola Concellería de Promoción Económica e Turismo desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e todos aqueles que desexen participar deberán inscribirse previamente no email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración das actividades.