A Federación pola Igualdade das Mulleres de Pontevedra entrega os seus premios en Sanxenxo
Por Redacción
Durante este sábado, o Real Club Náutico de Sanxenxo acollía o acto de entrega dos Premios Mulleres Femupo, que outorga a Federación pola Igualdade da provincia de Pontevedra. Ao redor de setenta persoas asistían a este acto que presentaba a xornalista Olaya Rivas e contou coa actuación musical das Pandereteiras Tremelique.
As galardoadas con estes premios que recoñecen o traballo a favor da igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres en todos os ámbitos foron a pianista e xestora musical, Andrea González; as 'Abellonas' do Clube de Rugby Coreti Lalín; o Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo; e a cooperativa Ardora.
Andrea González pediu a colaboración dos homes nesa loita pola igualdade e dedicou o premio á familia e ás mulleres artesás, en especial ás ucraínas neste momento tan difícil. Pola súa banda, desde a cooperativa Ardora insistiron en poñer atención na secuela que supón a violencia de xénero e a necesidade de eliminala.
As 'Abellonas' mostraron a súa satisfacción porque estes premios desen visibilidade ao rugby feminino. Por último, a técnica do CIM de Sanxenxo recollía o galardón dando valor á atención profesional e vocacional nestes centros de información ás mulleres.
Raquel Touriño, presidenta de Femupo, destacaba a capacidade e ilusión, ademais da tenacidade, das premiadas nas súas actividades e destacou o papel que xogan como "referentes sociais" para que a igualdade de xénero sexa unha realidade.
Ao acto asistía Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, que destacou o apoio do goberno galego ao movemento asociativo de mulleres neste acto de entrega dos premios. Afirmou que o asociacionismo feminino é unha estratexia para avanzar na construción da igualdade entre mulleres e homes.
Relacionadas:
-
Forestalis, Club Ciclista Farto, CIM de Marín e Estudo Bonobo, premiados por traballar pola igualdade
Por Redacción |
-
Pulseiras solidarias que se traducen en horas de apoio psicolóxico a vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
O CIM de Sanxenxo quenta para o 25-N con talleres sobre igualdade e empoderamento feminino
Por Redacción |
-
A Federación pola Igualdade das Mulleres presenta un cubrevasos contra a submisión química
Por Redacción |