Actos para informar á cidadanía sobre os seus dereitos no consumo e o funcionamento da factura da luz
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou na mañá deste martes 15 o stand autonómico habilitado na Praza da Peregrina con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras. Tamén o acompañaron o xefe territorial, Tomás Nogueiras; o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e outros membros da corporación para entregar o premio do certame escolar 'A factura da luz'.
O propósito da carpa, na que regalan bolsas de tea, cuncas e outros utensilios aos viandantes, é informar á cidadanía sobre as ferramentas das que dispón a administración autonómica a efecto de protexer os dereitos dos consumidores. Segundo López, é importante que coñezan a dispoñibilidade das oficinas de Servizo de Consumo de Pontevedra, cuxas cifras o pasado ano 2021 rexistraron 4.500 consultas e tres mil reclamacións, un incremento en torno ao 30% respecto ao ano 2020.
En canto ao certame 'A factura da luz', a participación do alumnado consistía en presentar fórmulas para abaratar o custo da luz nos seus domicilios tras analizar as súas propias facturas. A gañadora foi Sabela Paz, estudante de cuarto de secundaria no IES Frei Martín Sarmiento, que afirmou ter uns cálculos previos moi afinados ao recoller a súa recompensa dun vale de 100 euros a gastar nas librarías da cidade.
O delegado territorial mostrou o seu orgullo ao ver cumprida a finalidade do concurso de concienciar á mocidade no ámbito do custo das facturas. Sobre este tema, tamén recordou que está agardando nos vindeiros días un comunicado do presidente do goberno Pedro Sánchez sobre medidas para controlar os prezos da luz.
Así mesmo, Lores recalcou o seu apoio ás medidas de comunicación por parte da Xunta de Galicia para fomentar a formación da cidadanía sobre o funcionamento do recibo da luz en canto aos elevados custos xerais, posto que "é unha preocupación de todos os cidadáns" e lamenta que a causa das subidas sexan as decisións da Unión Europea.
O alcalde declarou o seu descontento con que Galicia se vexa tan afectada por estes gastos sendo tan rica na produción de enerxía renovable, que se exporta a lugares externos. Deste xeito, sinala que "estamos pagando o transporte da enerxía que sae de Galicia ao mesmo precio ca en outras partes do estado español" e que debería atoparse un modo de beneficiarse da produción propia.
Por parte do orzamento do concello, de acordo cos datos aportados por Lores, o incremento no 2022 respecto ás facturas de luz foi de preto duns dous millóns de euros comparado co consumo dos anos anteriores. Sen embargo, afirma ser un concello "saneado" co obxectivo de aguantar o máximo posible para seguir facendo investimentos e atendendo ás necesidades de servizo das persoas pontevedresas, especialmente as máis necesitadas e agarda que entre todas as administracións sexan capaces de manter un prezo semellante ao do 2021.
Relacionadas:
-
Numerosas reclamacións pola suba eléctrica en Consumo, ningunha polos prezos da alimentación
Por Alba Feijoo Alonso & Álvaro Arosa Barco |
-
Asfixiados polo prezo da luz: "A factura subiume un 40% na cafetería e outro tanto na casa"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Día da Auga, día para aparcar os libros e limpar a contorna do Gafos
Por Raquel Currás Martínez |
-
A "desesperación" de comerciantes, hostaleiros e consumidores apaga a luz en Marín
Por Natalia Puga |