Rubén González gaña o premio do xurado popular no Certame 'De Tapas por Galicia'
Por Redacción
O público asistente á gala 'De Tapas por Galicia 2022', que se celebraba na noite deste martes no Hotel San Francisco de Compostela escolleu a proposta do cociñeiro Rubén González Vallejo, do Cafetín de Pontevedra, como a gañadora do premio do xurado popular desta edición.
O prato que ofrecía o representante pontevedrés era unha homenaxe ao mar denominada Mare Nostrum e presentaba unha tapa que recreaba unha imaxe do océano contido nun acuario. Con mexillón, berberecho e unha combinación de herbas mariñas e algas, González Vallejo contou co apoio do público pola súa creatividade neste prato de pequeno formato.
O gañador do premio do xurado foi para Jorge Gago, da Maceta en Santiago. A súa tapa era a única receita doce presentada neste certame, consistente nun Cheesecake actualizada con puré de framboesa e cereixa, con crema da torta de queixo do Cebreiro con pemento, nata e azucre.
Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, e o delegado da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor asistiron a este evento no que participaban sete cociñeiros en representación das sete principais cidades de Galicia. Este concurso promove a creatividade gastronómica como elemento dinamizador do turismo urbano. A gala showcooking, organizada por Turismo de Galicia, tivo como fío condutor os Camiños de Santiago como punto de encontro de culturas.