Rubén González representará a Pontevedra na gala 'De Tapas por Galicia'
Por Redacción
O responsable de cociña no establecemento El Cafetín da Alameda, Rubén González Vallejo, será o encargado de representar á cidade de Pontevedra na final do concurso 'De Tapas por Galicia', unha cita prevista para o martes 15 de marzo en Santiago de Compostela.
González Vallejo competirá na sección de Premio Mellor Cociñeiro á que presentará o prato que leva por denominación Mare Nostrum, co que venceu no Certame Pontedetapas. Turismo de Galicia organiza esta gala showcooking para escoller o mellor petisco do ano nas provincias galegas.
A proposta pontevedresa é, segundo o creador, unha homenaxe ao mar. Preséntase como un pequeno elemento de océano contido nunha mínima peixería. Está baseado en produtos como o mexillón e o berberecho, que se mostran acompañados por unha selección de algas e de herbas mariñas das rías galegas e tamén doutros espazos mariños, como o "ramallo de mar", o carrapucho, a wakame ou a Kombu, con pan mariñeiro, trigo e elementos como o allo porro, a cebola ou a lima. O prato adórnase cun elemento final composto por escuma de aire mariño.
Este concurso ten a intención de promover a creatividade gastronómica de Galicia, principalmente aquela que se presenta en pequeno formato. Esta fórmula, entenden desde a organización, fomenta a dinamización do turismo urbano ofrecendo un atractivo a través do padal.
Na cita do 15 de marzo no Hotel Monumento San Francisco enfrontaranse os gañadores dos concursos das sete maiores cidades, que competirán por dous premios, un deles outorgado por un xurado de profesionais da gastronomía e a restauración e outro que será decidido polo público.
Ademais da opción pontevedresa, participarán Daniel Bastos, do restaurante El Italiano Feo (Vigo); Jorge Gago, de A Maceta (Santiago); José Luis Pardo Baamonde de El Boni (Lugo); Pablo Fuentes, de La Bodega de Estrella (Ferrol); Gabi Conde‐Corbal, do Portovello (Ourense); e Álvaro Victoriano, de Intenso Cocina Peculiar (A Coruña).