Detido por homicidio un condutor que chocou contra unha moza nun accidente mortal en Barro
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo na tarde deste venres un mozo veciño de Barro como suposto autor dun delito de homicidio por supostamente provocar un accidente de tráfico rexistrado este xoves no que chocou frontalmente contra unha moza e causoulle feridas graves polas que acabou falecendo.
O accidente produciuse sobre as 9.30 horas da mañá deste xoves e consistiu nunha colisión frontolateral entre dous turismos na estrada N-550, nun dos cruces de incorporación de Porráns.
Nun primeiro momento, a condutora dun dos turismos, de 29 anos, resultou ferida grave e foi trasladada ao hospital e ao día seguinte, este venres, acabou falecendo. En canto ao condutor do outro turismo, sufriu lesións leves.
Tras o accidente, levantou atestado o subsector de Tráfico da Garda Civil, pero en canto empezaron coas investigacións, comprobaron que no accidente había elementos que non encaixaban e pasou a investigación á Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
A Policía Xudicial empezou as súas investigacións e PontevedraViva puido confirmar que este venres acabou detendo ao outro condutor como sospeitoso dun delito de homicidio por provocar o accidente.
Os investigadores puideron comprobar que os condutores dos dous vehículos eran de Barro, dun lugar moi próximo ao do accidente. Ela agora vivía en Pontevedra, pero a súa familia e o outro condutor residían moi preto e ela acudía con moita frecuencia á casa familiar.
Os dous implicados neste accidente nunca tiveran unha relación previa, pero fontes consultadas confirman que el supostamente levaba un tempo acosándoa a ela.
De feito, figura unha denuncia da condutora finalmente falecida contra o condutor do outro turismo. Trátase dunha denuncia por acoso na que, segundo distintas fontes consultadas, el danaríalle as rodas a un coche da familia dela. A denuncia, de feito, púxoa o seu pai.
Este xoves pola mañá, segundo unha das hipóteses dos investigadores, el chocaría frontalmente contra ela á mantenta.
O mozo permanece detido na Comandancia e está previsto que este lunes 21 de marzo pase a disposición do Xulgado de Garda de Caldas de Reis, que se fixo cargo do caso.
Relacionadas:
-
Un ano sen Jessica: "Non foi un accidente, el estábaa acosando, vixilábaa. Non houbo relación, pero foi un crime machista"
Por Natalia Puga |
-
O feminismo pide saír á rúa polo "feminicidio" de Jessica: "Non podemos mirar para outro lado"
Por Natalia Puga |
-
O Concello de Pontevedra cualifica como "feminicidio" a morte de Jessica Méndez en Barro
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Prisión para o homicida de Barro, recibido a gritos no xulgado: "Justicia por Jessica, por favor"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Concentración en Barro en repulsa polo homicidio de Jessica Méndez, "vítima do seu acosador"
Por Natalia Puga |
-
Ferida unha muller nun accidente de tráfico en Barro
Por Redacción |