Reels de Instagram e Tik Tok irrompen na convocatoria do certame 'Ben Veñas Maio' de 2022
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Chega a 29 edición do certame 'Ben Veñas Maio', que busca a promoción da lingua galega entre o alumnado dos centros públicos de secundaria de Pontevedra. A iniciativa naceu como unha proposta dos centros, que desde o ano 2000 foi apoiada desde o Concello, para consolidarse como unha cita permanente e con gran éxito de participación e de creatividade.
Este ano estréase cunha nova modalidade, a de vídeos de Tik Tok e reels de Instagram. Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística, explicaba na presentación que esta proposta está destinada a participantes de máis de 15 anos. Os vídeos deberán realizarse en forma de reels para público xeral, cun máximo de tres minutos e en lingua galega, con temática libre. O xurado avaliará a calidade da lingua e o contido.
Ademais, nesta edición ofrécense obradoiros de apoio durante as próximas semanas. Nós Televisión achegará colaboracións con sesións explicativas nos centros para realizar vídeos; no ámbito de fotografía ofrecerá talleres Paula Andrés; e para os creadores de viñetas, os ilustradores Kiko da Silva e Zaida Novoa, profesores do Garaxe Hermético, explicarán ao alumnado como crear banda deseñada para que presenten traballos a este certame.
Desde Local de Múscia tamén se apoia este proxecto para dar visibilidade a grupos musicais e tamén solistas que queiran participar este ano. Nesta ocasión, recupérase a gala de premios. Será o sábado 7 de maio no Pazo da Cultura coa actuación de grupos e a posibilidade de que o público poida ver e escoitar algunhas das obras gañadoras.
Os premios, en xeral, para as modalidades de curtametraxes, fotografía, poesía, banda deseñada e narración curta son de 150 e de 100 euros, ademais dun lote de libros. No caso da sección musical, a organización establece 450 euros para a agrupación gañadora, 300 e 100 para os outros dous finalistas.
As bases do certame poderanse consultar na páxina web do servizo de normalización lingüística.
A profesora e coordinadora Aida Pazos Quintillán, do IES Frei Martín Sarmiento, que acudía tamén á presentación explicaba que a participación neste certame sempre é altísima, con centenares de participantes, e o alumnado mostra gran interese en participar nas diferentes modalidades.
Explicaba que a modalidade de fotografía, por exemplo, enfócase desde o punto de vista do uso da lingua recollendo imaxes de cartelería con incorreccións que despois se trasladan ao Concello co obxectivo de colaborar na depuración de vulgarismos e de fórmulas incorrectas.
Relacionadas:
-
30 anos de 'Ben Veñas, Maio', o certame que busca a promoción do galego entre a mocidade
-
Feminismo e artistas "de proximidade" na axenda cultural de Pontevedra do primeiro semestre do 2022
Por Manu Otero |
-
O certame 'Ben Veñas Maio' recoñece o bo facer en galego de alumnado de cinco institutos
Por Redacción |