Pontevedra conta con 1.953 prazas en aparcamentos disuasorios e 4.220 de pago
Por Diego Espiño
O Concello de Pontevedra avanza na elaboración do seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) cun diagnóstico sobre a situación do estacionamento de vehículos no centro urbano.
Segundo o goberno local, as cifras do estudo demostran o bo funcionamento dos aparcamentos disuasorios á hora de cumprir os obxectivos polos que foron deseñados, como é liberar o centro da cidade do tráfico innecesario con opcións ben comunicadas a pé a un máximo de 15 minutos.
En concreto na actualidade son 1.953 as prazas dispoñibles en aparcamentos disuasorios, repartidas entre A Parda (100), Estación-Xulgados (100), Recinto Feiral (470), Pavillón Municipal (275), Tafisa-Xosé Malvar (66), Tafisa-Garzán (150), Mollavao (185), Peirao das Corvaceiras (160), Alexandre Bóveda (155), Pasarón (100), Valdecorvos-Fragas (52), Martín Códax (40) e IES Torrente Ballester (100).
A iso súmanse un total de 4.220 prazas en aparcamentos de pago, principalmente subterráneos: Praza de España (325), Alameda (365), Central (415), Campolongo (709), Zona Monumental (220), Santa Clara (203), Barcelos (600), Estación (282), Miranda (120), Mercado (125), Venezuela (250), México (200) e Véteris (406).
Á parte atoparíanse tamén as prazas de estacionamento limitadas a 15 minutos, que fóra do horario comercial son liberadas para converterse en estacionamento libre, xunto ás zonas de carga e descarga dedicada a vehículos rotulados.
O Concello defende que este sistema no seu conxunto atópase en consonancia co establecido para as Zonas de Baixas Emisións (ZBE)
OCUPACIÓN DOS APARCAMENTOS DISUASORIOS
Durante a fase de estudo do PMUS, as empresas MCRIT e Seteoitavas levaron a cabo unha diagnose do funcionamento de tres aparcamentos disuasorios da rede municipal, os da Parda, o Pavillón Municipal e o Peirao das Corvaceiras.
Nesa análise establécese que non existe demasiada rotación, cunha media de dous coches por cada praza ao día. A ocupación pola súa banda é superior ao 77%, sendo o da Parda o máis solicitado (89,1%).
Entre as conclusións sinálanse que nas Corvaceiras o 17,4% dos estacionamentos son de menos dunha hora, mentres que na Parda o 22% dos vehículos permanecen na mesma praza máis de 11 horas, algo que só sucede nun 3,9% dos coches estacionados no peirao. No Pavillón os estacionamentos de máis de 11 horas superan o 15,5%.
No seu conxunto máis do 60% dos estacionamentos superan as 2 horas de duración.
Relacionadas:
-
Retirar tráfico motorizado das beiras do Lérez, un dos obxectivos marcados no Plan de Mobilidade Urbana Sostible
Por Redacción |
-
Pontevedra incrementou nun 24% os desprazamentos peonís e ciclistas na última década
Por Redacción |
-
Estudan a ampliación do estacionamento para bicis ao contar cuns datos "óptimos" sobre o seu uso
Por Redacción |
-
Toda a "cidade compacta" será zona de baixas emisións antes de 2023
Por Alejandro Espiño |
-
O 73% do alumnado, seis puntos máis que no 2013, acode a pé aos colexios do centro de Pontevedra
Por Manu Otero |