A orixe da vertedura a un regato de San Miguel de Deiro era unha lavadora dunha vivenda particular
Por Redacción
A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais na parroquia de San Miguel de Deiro, no concello de Vilanova de Arousa.
Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia.
Os inspectores desprazados á zona identificaron a orixe do vertido provinte dun inmoble, que infiltraba as augas grises dunha lavadora cara a un rego que discorre polo lugar do Monte.
Augas de Galicia notificoulle a situación ao titular da vivenda para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o vertido.
Nunha nova inspección, os técnicos da Xunta verificaron que as actuacións realizadas polo propietario da vivenda, para a súa correcta conexión á rede de saneamento municipal, permitiron o cese do foco ao dominio público e a emenda do vertido.