As familias aseguran que a investigación "non estará completa" se hai probas do naufraxio "que siguen afundidas"
Por Alejandro Espiño
As familias dos 21 falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo reiteraron este martes que, sen baixar ao pecio afundido para comprobar en que estado se atopa e se hai cadáveres dentro, a investigación "non está completa".
"É unha eiva importante", sinalou a portavoz dos familiares, María José de Pazo, que considera que aclarar as causas do afundimento debería ser un "punto primordial" da axenda do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Os achegados das vítimas reiteran que "non podemos perder nin un día máis" para explorar os restos do naufraxio porque "o tempo aprema".
Os expertos consultados polas familias trasládanlles que "entre xuño e agosto" sería o momento idóneo para realizar estas tarefas e enviar equipos á zona do afundimento, xa que a partir desa data "é moi complicado" polas condicións climatolóxicas.
Entenden que o auto xudicial que sinala que no afundimento puidéronse producir 21 homicidios imprudentes "debería ser un empuxe" para que as autoridades españolas realicen este trámite e que "as probas e indicios que poida haber non sigan afundidos".
Ademais, as familias dos 21 falecidos reclamaron ao Goberno que xestione unha reunión coas autoridades de Canadá para coñecer que traballos se realizaron para rescatar ás vítimas desta catástrofe.
María José de Pazo explicou que o Ministerio de Relacións Exteriores de Perú si xestionou este encontro, celebrado en Lima o pasado 4 de abril, no que os achegados das vítimas peruanas recibiron información destas xestións.
"Nós pedímolo en reiteradas ocasións e nin sequera temos constancia de que se fixera ese trámite", sinalou De Pazo, que entende que este encontro é fácil de xestionar xa que se celebraría a través de videoconferencia.
A falta de información acerca deste encontro, sentenciou, "é unha mostra total do desinterese" do Goberno por aclarar as causas deste naufraxio do que reclaman "que se trate como se debe" polas vítimas, as súas familias e todo o sector do mar.
Relacionadas:
-
Aprobación unánime no Pleno de Marín dunha moción sobre o Villa de Pitanxo pedindo "baixar ao buque"
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra, coas familias do Villa de Pitanxo: "Non hai obstáculos para descender ao barco"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ana Miranda reclama que Bruxelas presione a España para investigar "ata o final" o naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
As familias dos falecidos reiteran a súa confianza nos xuíces, "sexan da sede que sexan"
Por Natalia Puga |
-
Samuel Kwesi asegura que o patrón e o armador presionárono para apoiar a súa versión do naufraxio
Por Natalia Puga |