Sanxenxo non subirá o recibo do lixo, o Concello asumirá o aumento do canon de Sogama
Por Redacción
O Goberno local de Sanxenxo anunciou que non repercutirá nos recibos que abonan os veciños do municipio polo servizo de recollida de residuos sólidos urbanos a subida das tarifas que anunciou Sogama para 2014.
O incremento no prezo que esta empresa fará efectivo no próximo exercicio polo concepto de tratamento do lixo será dun 33%, o que no caso de Sanxenxo supoñerá abonar máis de 234.000 euros, tendo en conta que en 2012 a Administración sanxenxina asumiu un custo de 625.000 euros.
"Nós optamos porque sexa o propio Concello o que lle faga fronte a esta contía", apuntaron desde o Executivo sanxenxino. O equipo de Goberno considera que os veciños xa han ter que realizar un "esforzo importante" coa subida temporal do Imposto de Bens Inmobles (IBI) decretada polo Ministerio de Facenda nos concellos nos que, como Sanxenxo, non foron revisados os valores catastrais nos últimos dez anos.
Dada esta circunstancia, o Goberno local non quere que os cidadáns asuman a subida do prezo de Sogama, tratándose do mesmo motivo que levou a conxelar para 2014 todas as taxas e impostos municipais, salvo a do abastecemento de auga á que debe sumarse o IPC, tal e como está recollido no contrato coa subministradora.
Relacionadas:
-
Vilagarcía asumirá a subida do canon de Sogama para "aliviar a carga fiscal" dos cidadáns
Por Redacción |
-
Pontevedra estuda sumarse á fronte de concellos que se uniron contra o 'tasazo' de Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
Os sanxenxinos verán conxeladas as taxas e impostos municipais para 2014
Por Redacción |