Vilagarcía asumirá a subida do canon de Sogama para "aliviar a carga fiscal" dos cidadáns
Por Redacción
Os veciños de Vilagarcía non notarán en 2014 a subida no recibo do lixo polo incremento do canon de Sogama. O goberno local decidiu asumir os 296.632 euros anuais que supón a medida imposta dende a administración autonómica. A decisión adoptouse despois de comprobar que as arcas municipais están o "suficientemente saneadas" como para facer fronte a este gasto non previsto.
O obxectivo desta medida, segundo o goberno municipal, é "dar un respiro ás economías domésticas que o ano que ven terán que asumir tamén a subida do IBI correspondente á revisión de valores catastral realizada pola administración estatal". En vista dos resultados favorables das contas, o executivo de Tomás Fole decidiu non repercutir a subida na cidadanía "para descargar un pouco a presión fiscal que soportan as familias".
O Concello de Vilagarcía asegura que esta medida é posible polos "bos resultados" que están dando as políticas económicas implantadas dende que o PP asumiu a xestión de Ravella hai dous anos. "O realismo na xestión, a austeridade, o aforro e o control do gasto, sumados as demais iniciativas incluídas no Plan de Saneamento e á actualización das taxas municipais, empezaron este ano a dar os seus froitos", sinalan desde o goberno.
Non obstante, o goberno apela ao realismo, advertindo que esta absorción do incremento do canon de Sogama por parte do Concello plantéase para 2014 como "medida excepcional" por tratarse de unha subida non esperada e e coincidir coa do IBI. Aínda que se está en disposición de asumir o pago dos 300.000 euros, "para o Concello isto supón un importante esforzo e limita a acción municipal noutros eidos nos que se poderían aplicar eses fondos, ben a través de obras e investimentos, melloras en colexios, a servizos sociais ou a mellora de servizos".