Cuntis renova o financiamento europeo para manter o servizo de atención temperá
Por Redacción
O Servizo de Atención Temperá que xestiona o Concello de Cuntis ten a continuidade garantida durante o vindeiro ano trala confirmación de 99.602 euros de financiamento xestionado a través do Fondo Social Europeo (FSE) Galicia 2014-2023, cantidade reforzada pola agrupación de concellos que prestan este servizo (Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Moraña, Portas e Catoira) cunha partida para mantemento do local, situado no polígono de A Ran.
O obxectivo deste servizo é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas a facilitar a autonomía persoal e a inclusión dos nenos.
Préstase no marco da Rede Galega de Atención Temperá e atende ao redor de 60 cativos dos seis concellos integrados. A xestión do servizo é realizada polo Concello de Cuntis que, tal e como establece o convenio, encárgase dos aspectos materiais (instalación e mantemento), da xestión do persoal, da tramitación administrativa así como da contratación das actividades ou prestacións necesarias, entre outras cuestións.
Este é xa o cuarto ano que a agrupación de concellos presta este servizo que o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, considera xa "esencial e irrenunciable" xa que presta "unha atención especializada e fundamental á poboación infantil da comarca con alteracións de desenvolvemento ou risco de padecelas".
Como sinalou o rexedor "todos os municipios estamos moi satisfeitos cun servizo que é unha garantía de integración social para os nenos e nenas de 0 a 6 anos con problemas evolutivos e unha ferramenta fundamental para as súas familias".
Nesta liña, Campos puxo de manifesto o "compromiso da agrupación de municipios para seguir ofrecendo de maneira conxunta este servizo tan importante no futuro que permite dar resposta canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes que poidan presentar os menores dos diferentes municipios".
O Servizo de Atención Temperá é atendido por unha psicopedagoga, unha fisioterapeuta e unha logopeda que lles ofrecen aos menores con alteracións que acoden ao centro os coidados especializados necesarios para o seu desenvolvemento integral e que insisten en que éstas non necesariamente teñen que estar relacionadas coa discapacidade ou con problemas familiares.
Relacionadas:
-
O Servizo de Atención Temperá de Cuntis ten continuidade garantida dous anos
Por Redacción |
-
Cuntis reforza o Servizo de Atención Temperá para dar cobertura a 22 menores da comarca en lista de agarda
Por Redacción |
-
A Xunta entrega ao GES de Moraña un vehículo bomba urbana lixeira
Por Redacción |
-
'BuenaMente' enche o campus de actividades que poñen o foco na saúde mental
Por Redacción |
-
O Punto de Atención Temperá de Cuntis, un servizo "irrenunciable" para 60 menores da comarca
Por Redacción |