O Punto de Atención Temperá de Cuntis, un servizo "irrenunciable" para 60 menores da comarca

Por Redacción
O Servizo de Atención Temperá posto en marcha pola agrupación de concellos de Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Moraña, Portas e Catoira cumpre tres anos e dous meses de funcionamento cun balance satisfactorio para os seus promotores.
Este punto de atención, ubicado no Centro de Formación Ocupacional do polígono de A Ran de Cuntis, atende actualmente a uns 60 cativos e cativas, segundo o balance realizado polo Concello de Cuntis.
Este servizo ten actualmente unha psicopedagoga, unha fisioterapeuta e unha logopeda que ofrecen aos menores con alteracións que acoden ao centro os coidados especializados necesarios para o seu desenvolvemento integral.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, fixo unha valoración moi positiva deste período afirmando que para todos os concellos se converteu nun "servizo esencial e irrenunciable" grazas ao que poden prestar unha atención especializada e fundamental á poboación infantil da comarca con alteracións de desenvolvemento ou risco de padecelas.
Segundo este rexedor, todos os municipios están "moi satisfeitos" cun servizo que é unha "garantía de integración social" para os nenos e nenas de 0 a 6 anos con problemas evolutivos e unha ferramenta fundamental para as súas familias.
Así, puxo de manifesto o compromiso da agrupación de municipios para seguir ofrecendo de maneira conxunta este servizo no futuro.
A xestión do servizo realízaa o Concello de Cuntis que, tal e como establece o convenio, encárgase dos aspectos materiais (instalación e mantemento), da xestión do persoal, da tramitación administrativa así como da contratación das actividades ou prestacións necesarias, entre outras cuestións.
O servizo ofrécese no marco da Rede Galega de Atención Temperá a través do cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE) Galicia 2014-2023, asumindo cada concello da agrupación o seu compromiso de execución.
O obxectivo último do servizo é o de promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas a facilitar a autonomía persoal e a inclusión dos nenos e nenas.
Relacionadas:
-
O Servizo de Atención Temperá de Cuntis ten continuidade garantida dous anos
Por Redacción |
-
Cuntis renova o financiamento europeo para manter o servizo de atención temperá
Por Redacción |
-
Doce alumnos de mellora forestal do Centro de A Ran inician as prácticas en empresas da contorna
Por Redacción |
-
Piden ao alcalde de Moraña que se una á reclamación de melloras no centro de saúde
Por Redacción |
-
Cuntis, Caldas, Moraña, Portas e Barro realizarán estudos de viabilidade para prestar servizos mancomunados
Por Redacción |
-
O servizo de Atención Temperá de Cuntis contratará fisioterapeuta, logopeda e psicopedagoga
Por Redacción |
-
Cume dos alcaldes do Umia para renovar o servizo de Atención Temperá a menores
Por Redacción |
-
Cuntis recibe unha axuda de 72.000 euros da Xunta polo servizo mancomunado de atención temperá
Por Redacción |