Convenio con Amicos para emprender accións que favorezan a persoas con capacidades diferentes
Por Redacción
A Asociación Amicos asinou un acordo co Concello de Poio para levar a cabo un conxunto de accións colaborativas que axuden a persoas con capacidades diferentes a integrarse ao mesmo tempo que realizan actividades ambientais, recuperación de zonas verdes e de concienciación escolar.
Raquel Rodríguez, concelleira de Educación, establecía o convenio co coordinador de Orientación Laboral da asociación, Keltoi Cameán. Con esta proposta preténdese, segundo explicaron, promover unha concienciación cidadá, especialmente no ámbito educativo, para mellorar a inclusión e provocar un cambio na sociedade.
Amicos, unha asociación sen ánimo de lucro, leva máis de dúas décadas realizando traballos para integrar a persoas con discapacidade intelectual, autismo ou parálise cerebral, ademais de ofrecer axuda a familiares que coidan destas persoas. Raquel Rodríguez indicou que o Concello comparte o espírito e os valores que "transmite este colectivo".
Entre as propostas establecidas para os próximos meses realizarase unha aposta pola educación e polo medio ambiente con eventos en centros educativos. Tamén se impulsarán os valores da campaña Poio en Verde a través das Ecobrigadas de Amicos, que realizarán intervencións para recuperar espazos verdes e acometerán tarefas de coidado de distintas zonas do Concello de Poio.
Relacionadas:
-
Caldas asina un convenio coa Asociación Amicos para facilitar a integración das persoas con discapacidade
Por Redacción |
-
Amizade aborda co alcalde de Poio a accesibilidade dos edificios municipais
Por Redacción |
-
Ecobrigadas da asociación Amicos acondicionan a contorna da Igrexa de San Martiño de Padrenda
Por Redacción |