Novo preacordo entre Defensa e Salcedo: os comuneiros cederán 72 hectáreas para a Brilat
Por Redacción
O Ministerio de Defensa e a comunidade de montes de Salcedo alcanzaron un novo preacordo para a cesión dos terreos comunais desta parroquia pontevedresa que ocupa a base General Morillo da Brilat durante os próximos 75 anos. Os comuneiros, que rexeitaran a última proposta de Defensa, acaban de recibir un novo documento e a xunta rectora xa o aprobou na noite do luns. Agora tan só falta que os veciños o ratifiquen. Farano nunha asemblea o próximo 30 de novembro.
Segundo publican este mércores Faro de Vigo e La Voz de Galicia, a directiva da comunidade de montes aprobou por maioría o acordo proposto por defensa e pedirá á asemblea que o ratifiquen, pois o novo documento que lles remitiu o Ministerio de Defensa recolle as últimas peticións reclamadas polos comuneiros.
O acordo recentemente acadado e xa aprobado pola xunta rectora fixa que Defensa deixará sen ocupar 100 hectáreas de Salcedo que estaba utilizando agora a Brilat e quedarase con 72 hectáreas, 30,1 para destinar a infraestruturas e 41,9 para un novo campo de manobras. O Ministerio pagará 0,18 euros por metro cadrado, isto é, 1.800 euros por hectárea, 129.600 euros anuais, que se actualizarán en función do IPC.
Nos terreos de Salcedo que deixará de Brilat estaban situada a famosa 'aldea afgana' que a Brigada utiliza para a súa preparación. Os comuneiros derribarana, pero o novo convenio alcanzado compromete a Defensa a colaborar en todas as tarefas necesarias para deixar os terreos libres.