Un grupo de 70 "peregrinos escolares" do colexio Xunqueira 2 descobren os valores do Camiño a Santiago
Por Oskar Viéitez
Un grupo duns 70 escolares de Educación Infantil do colexio público Xunqueira 2 fixo este mércores un percorrido polo Camiño Portugués na cidade de Pontevedra que rematou nun contacontos lúdico e educativo vencellado ao Ano Santo.
O grupo partiu da coñecida popularmente como Fonte dos Nenos e camiñou polas principais arterias urbanas desta ruta xacobea a través da rúa da Peregrina, a Praza da Ferrería, a rúa Real e a Praza da Pedreira, onde rematou a actividade co citado contacontos.
Xunto á rapazada e os seus profesores estaba o delegado territorial da Xunta, Luis López, que participou nesta actividade enmarcada no programa 'Vexo Veo Xacobeo', que a axencia Turismo de Galicia está a desenvolver ao longo desta segunda quincena de mes de maio para difundir o valor do Camiño de Santiago entre os escolares.
"É fundamental educar aos cativos nos valores do Camiño, porque fan referencia á solidariedade, o compañeirismo ou o esforzo, e ademais tamén cremos que deben coñecer que se trata de algo propio, que forma parte da identidade de Galicia e que se trata dun elemento cultural e patrimonial de primeira orde do que debemos estar moi orgullosos e que debemos difundir a todo o mundo", sinalou o representante autonómico.
En total, case 650 nenos de oito centros educativos da provincia de Pontevedra pertencentes aos municipios de Caldas de Reis, A Guarda, O Porriño, Mos, Lalín e a capital provincial participarán nesta iniciativa, que ten como eixo vertebrador as rutas xacobeas do Camiño Portugués, a variante lusa pola costa e a Vía da Prata.
Relacionadas:
-
O Albergue de Pontevedra estrea un Banco Peregrino para descansar… e máis cousas
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra, destino recomendado por National Geographic para visitar e "esquecerte do coche"
Por Alejandro Espiño |
-
O Laboratorio da Infancia xa desenvolveu máis dun centenar de obradoiros e actividades
Por Redacción |
-
Un sapoconcho para achegar o Xacobeo e o Camiño Portugués da Costa aos escolares
Por Natalia Puga |