A asemblea para elexir o novo secretario local do PSdeG-PSOE será "non máis alá de quince días"
Por Alejandro Espiño
O proceso de renovación no PSdeG-PSOE local de Pontevedra, obrigado trala renuncia do seu anterior secretario local, Guillermo Meijón, está próximo ao seu fin. Segundo anunciou este xoves o secretario xeral dos socialistas pontevedreses, Santos Héctor, a asemblea na que se elixirá á nova executiva local celebrarase "non máis alá de quince días".
Probablemente a data definitiva coñecerase este sábado, día no que se celebrará no centro cultural de Raxó (Poio) unha reunión da executiva provincial do PSdeG-PSOE. Di Santos Héctor que, nos últimos días, mantivéronse unha serie de contactos cos responsables locais do partido para fixar a data da asemblea. "Só quedar algún flecos por pechar e nos próximos días haberá novidades", sinalou.
O secretario xeral dos socialistas pontevedreses quixo destacar que a comarca de Pontevedra estivo sen goberno "moi pouco tempo", o suficiente, explicou, para permitir certo debate no seo da formación e "para que se organizasen alternativas e propostas".
Neste sentido, só unha persoa postulouse para substituír a Guillermo Meijón á fronte do partido en Pontevedra. Trátase de Agustín Fernández, concelleiro de Educación e Deportes no concello capitalino e, ata agora, vicesecretario local. O interesado, que recoñeceu conversacións con Santos Héctor para fixar a data da asemblea, limitouse a afirmar que "me viene bien cualquier día".
Non se descarta, en todo caso, que poida haber outras opcións aínda que, con cada día que pasa, esa posibilidade parece máis complicada. De feito, nos últimos días transcenderon certos contactos entre as diferentes correntes do partido para tratar de avanzar nunha candidatura de consenso.
Relacionadas:
-
Agustín Fernández, elixido novo secretario xeral do PSdeG-PSOE de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Valcárcel alíase con Jesús Gómez para pugnar con Agustín Fernández polo control do PSdeG-PSOE
Por Alejandro Espiño |
-
Valcárcel non descarta disputar a Agustín Fernández o liderado do PSdeG-PSOE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández presenta a súa candidatura para substituír a Meijón á fronte do PSOE local
Por Natalia Puga |
-
Meijón adianta a súa dimisión como secretario dos socialistas pontevedreses para 'fiscalizar' a Lei Wert
Por Redacción |