San Adrián celebrará a súa primeira Festa do Mar na última fin de semana de xuño
Por Redacción
O Concello de Vilaboa organiza a Festa do Mar coa intención de que o público acuda masivamente á zona portuaria de San Adrián de Cobres durante as xornadas do sábado 25 e o domingo 26 de xuño.
A xornada inicial comezará cunha cata dos pratos cun xurado integrado por representantes do CFIP Carlos Oroza e do sector pesqueiro. Ás 11.00 horas está prevista a apertura das casetas do recinto coa inauguración oficial do alcalde César Poza.
A agrupación Terapia de Grupo ofrecerá unha actuación musical e comezará a degustación de produtos capturados por mariñeiros, mariscadoras e bateeiras do municipio. Varios restaurantes encargaranse de preparalos e ofrecelos a prezos populares. O viño que se degustará será das adegas da IXP Ribeiras do Morrazo.
Durante a tarde, integrantes da Escola de Música de Vilaboa ofrecerán un macro concerto con motivo do seu aniversario. O Concello anuncia a participación da cantante Rosa Cedrón, entre outros artistas para este acto en homenaxe a unha institución que permitiu a creación da Banda de Música de Vilaboa.
Durante o domingo 26 actuará a banda de gaitas Aires de Cobres e tamén se poderán degustar os produtos do mar, entre outras actividades previstas.