Louro esixe a Lores que se una á fronte de alcaldes contra o 'taxazo' de Sogama
Por Redacción
A suba "brutal" do 33,5% no recibo do lixo presentada polo Goberno galego "é inasumible nun momento no que as economías domésticas están a pasar por graves dificultades". De aí que, segundo Antón Louro, o Concello de Pontevedra "debe ser sensible e sumarse á fronte de alcaldes galegos que se están a opoñer decididamente a este abuso". Unha fronte á que acaba de sumarse a Federación Galega de Municipios e Provincias, na que o PP ten maioría.
O grupo municipal socialista, a través do seu portavoz, reitera a súa oposición á introdución brusca desta suba e insta ao alcalde de Pontevedra a unirse ao movemento municipalista que está a esixir da Xunta de Galicia unha clarificación da xestión de Sogama e, para o caso de que sexa inevitable o incremento no canon do lixo que cobra aos concellos, sexa unha aplicación gradual. Louro entende que Pontevedra debe xogar un papel activo nesta reivindicación.
O PSdeG-PSOE asegura estar en contra de que os orzamentos municipais para 2014 introduzan a pretendida suba do 33,5%, o que suporía un esforzo de 600.000 euros anuais "que asumirían directamente os petos dos pontevedreses". Unha cifra que vería a sumarse aos 2,3 millóns de euros extra que, dende o pasado 1 de xullo, xa se están a recadar, recordan os socialistas, por medio do canon da auga e o coeficiente de vertido introducidos tamén pola Xunta.
Antón Louro lembra que auga e lixo cóbranse no mesmo recibo e que, dende o verán pasado, o canon da auga subiu o 24% e o coeficiente de vertido (antiga taxa de depuración), un 50%. Se agora se introduce un 33,5% no lixo, o custo bimensual se dispara. O "golpe" ás economías dos aproximadamente 32.000 usuarios domésticos que pagan simultaneamente auga e lixo "sería desproporcionado".
Polo tanto, o portavoz socialista considera "totalmente reprochables" as recentes declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, "quen se atreveu a culpar das subas dos recibos aos concellos, cando queda claro que o crecemento se debe ao desmesurado afán recadatorio da Xunta de Galicia e, en concreto, da Consellería de Medio Ambiente".
Unha circunstancia que se agrava, di Louro, polo feito de que a recadación de case 3 millóns de euros ao ano que este departamento autonómico "tirará dos pontevedreses" se sae adiante este novo canon "non se ve correspondido con investimentos de ningún tipo nas infraestruturas da capital da provincia e que compromisos firmes, como o convenio de saneamento están paralizados e o río dos Gafos segue a agardar polo seu novo colector".