O novo evento "Portonovo gastronómico" deixa atrás á Festa da Raia para potenciar o tapeo na vila
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo e os hostaleiros de Portonovo apostan por un "cambio profundo da Festa da Raia" creando un novo evento que potencie o perfil gastronómico da vila. Así o acordaron na última reunión mantida no salón de plenos na que se puxeron as bases deste novo proxecto.
"O cambio xerará novas oportunidades para Portonovo, a súa hostalería e as persoas que visiten a vila mariñeira para gozar da súa gastronomía e as actividades que se van a desenvolver durante o evento", sinalan desde o consistorio.
O principal obxectivo é "mellorar a proposta, facela máis atractiva pola súa oferta culinaria e de actividades". Pero o cambio tamén forma parte dunha "estratexia máis ampla" destinada a "posicionar Portonovo como unha vila mariñeira do tapeo".
O Concello quere recuperar unha traxectoria que a vila tivo nos anos 70 e 80, que logo se viu interrompida pola proliferación de locais de copas que relegaron a un segundo plano o seu perfil gastronómico.
Entre os cambios destacan un novo nome para o evento que abarque a variedade de produtos que xera a actividade mariñeira. "Portonovo é moito máis que a raia que, en calquera caso, seguirá formando parte da oferta gastronómica". O nome elixido é "Portonovo gastronómico".
O evento trasládase ao outono e terá unha duración maior, en concreto do sábado 15 de outubro ao domingo 23. Por tanto, inclúe dúas fin de semana en lugar dun como era habitual.
Outra novidade substancial é que a degustación gastronómica trasládase da lonxa aos bares e restaurantes da vila e inclúe a variedade de produtos da gastronomía de Portonovo.
Por suposto, manterase a Raia de Ouro que se entrega a un veciño en función das súas traxectoria persoal ou profesional, así como outras actividades habituais do programa da Festa da Raia.
Relacionadas:
-
Carmen Uhía Martínez recibe a Raia de Ouro con aclamacións
Por Redacción |
-
Música, diversión e sabor no Portonovo Gastronómico
Por Redacción |
-
A Festa da Raia encherá de música e animación as rúas no "Portonovo gastronómico"
Por Redacción |
-
As mellores tapas de Sanxenxo están este ano en Portonovo
Por Redacción |
-
A oficina de turismo de Portonovo permanecerá aberta ata finais de outubro
Por Redacción |
-
A Festa da Raia cambia a primavera polo outono e impulsa un novo formato
Por Redacción |