Os socialistas, listos para iniciar a carreira das primarias para as municipais do 2023
Por Redacción
O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra xa traballa nas eleccións municipais de maio de 2023.
A executiva provincial, presidida por David Regades, celebrou este venres a súa xuntanza nos xardíns da UNED de Pontevedra onde tomou o acordo de convocar ao comité provincial para o próximo día 20 cunha sesión a celebrar no novo Auditorio do Grove.
Ao comité provincial, máximo órgano entre congresos, correspóndelle a aprobación do calendario electoral interno.
Regades anticipou que proporá que o proceso de primarias nos concellos onde haxa máis dun candidato se celebre despois do verán, co obxectivo de que o liderado de todas as candidaturas municipais estea pechado antes do remate do ano.
"Como facemos sempre dende o Partido Socialista será, con democracia interna, con transparencia, con debate de ideas e proxectos. A militancia de cada agrupación terá a palabra e o voto", asegurou
O secretario xeral trasladou unha mensaxe optimista e recalcou que todos os datos científicos dos que dispón a dirección provincial a través de traballos demoscópicos apuntan a un crecemento da forza que xa ostenta a hexemonía nesta provincia, gobernando a 600.000 das 900.000 persoas dende as 22 alcaldías socialistas, “mentres o PP só pode dicir que goberna a pouco máis de 200.000 persoas”.
Os datos, subliña Regades, vaticinan que hai razóns para seguir traballando duro para facer posible o crecemento do PSdeG-PSOE en media ducia de concellos situados nas comarcas de Pontevedra, Baixo Miño, Louriña, Arousa e Deza. En todos eles, a alcaldía “está a tiro”, afirmou.
A executiva provincial foi informada, ademais, das opcións para crecer cun novo deputado nos partidos xudiciais de Arousa, Pontevedra e Vigo. Regades lembrou que nas últimas municipais os socialistas alcanzaron 13 deputados, a pouco máis de 500 votos da maioría absoluta na Deputación. “Agora hai indicadores que nos dan a maioría absoluta", destacou.
David Regades abordou tamén o “caos” dun Partido Popular “que segue berrando a súa desesperación por ter perdido a Deputación e que non ten reparo en recompoñer a súa dirección provincial colocando como secretaria xeral á ex alcaldesa de Moraña que, se se librou dunha condena xudicial polas súas malas prácticas dende a alcaldía, man a man con Rafael Louzán, foi por un afortunado defecto de forma ao ter recibido fóra de prazo a notificación de imputada”.
“A provincia de Pontevedra é hoxe modelo de modernidade gracias ao goberno provincial que preside Carmela Silva e gracias ao talento dos alcaldes e alcaldesas e dos tenentes de alcalde e de alcaldesa socialistas que, día tras día, traballan con dedicación por mellorar a vida da veciñanza e iso vaise valorar nas urnas”, concluíu.
Relacionadas:
-
David Regades: "Somos unha das mellores provincias para o socialismo en toda España"
Por Redacción |
-
Iván Puentes inicia a carreira para liderar o cartel do PSOE nas municipais de 2023
Por Redacción |
-
Tino Fernández quere repetir como candidato do PSOE: "Boa parte da militancia animoume a dar este paso"
Por Alejandro Espiño |
-
Manuel Pazos imponse ao ex alcalde Fran Veiga para liderar o PSOE en Marín
Por Redacción |