As mariscadoras convidan aos turistas a "gozar da praia sen deixar pegada"
Por Redacción
Baixo o lema "Goza da praia sen deixar pegada", Afundación, a Obra Social de Abanca, presentou este domingo na illa da Toxa, unha campaña informativa coa que se pretende sensibilizar aos turistas que visitan as praias galegas arredor da necesidade de compatibilizar un uso recreativo dos areais asentado nas boas prácticas, coas actividades socioeconómicas que se levan a cabo nestes espazos naturais, como é o caso do marisqueo.
A campaña, que conta coa colaboración dos concellos do Grove, da Illa de Arousa e de Vilagarcía de Arousa, da Asociación de Mariscadoras de Carril e das confrarías de pescadores de San Martiño do Grove e de San Xulián da Illa de Arousa, desenvolverase ao longo de todo o verán en diferentes areais destes concellos, como a praia de Covadelo na illa da Toxa, a praia de Xastellas na Illa de Arousa, ou a praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa.
Unha exposición itinerante ao aire libre, valos publicitarios, autobuses e outros soportes publicitarios, así como diferentes vinilos instalados nas propias oficinas de Abanca dos mencionados concellos, servirán para difundir esta campaña, na que se invita as persoas que visitan estes areais a respectar as zonas de cultivo de bivalvos, empregar protectores solares non prexudiciais para o medio mariño ou evitar deixar lixo nas praias, prácticas moi sinxelas que, sen lugar a dúbida, repercutirán en beneficio de todos, tanto dos propios bañistas como das persoas que traballan no mar.
Esta exposición ao pé das praias permanecerá na Illa da Toxa entre o 13 de xullo e 1 de agosto, día no que se trasladará ao Carreirón, na Illa de Arousa, onde ficará ata o 13 dese mesmo mes. Finalmente, trasladarase ata a praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa, onde se poderá contemplar ata o 12 de setembro.
Ademais, e como complemento a todas estas actuacións, serán as propias mariscadoras das diferentes confrarías as que se encarguen de transmitir de primeira man aos turistas este conxunto de boas prácticas, facilitando ás persoas interesadas diferentes obxectos que axuden a poñelas en práctica, como poden ser os cinceiros portátiles para evitar o depósito ou enterramento de cabichas nas praias ou unhas bolsas portátiles destinadas a retirar lixo durante os paseos.