O verán non para as obras no rural, que seguen "a bo ritmo" en Campañó, Mourente e Marcón
Por Redacción
O verán non implica que as obras se paralicen ou collan vacacións, senón que no rural de Pontevedra as actuacións proxectadas para as parroquias de Campañó, Mourente e Marcón "continúan a bo ritmo".
Así o confirmou este luns o concelleiro coordinador do rural, Alberto Oubiña, que sitúa as obras nestas tres parroquias dentro dun contrato de tres millóns de euros realizado polo Concello de Pontevedra.
Na parroquia de Marcón, as actuacións están centradas no lugar da Peralba, onde están "bastante avanzados" os traballos dun proxecto que supón unha actuación extensa na ponte de acceso ao lugar.
A ponte desfíxose case por completo e instaláronse uns módulos que permiten a circulación da auga, traballar por riba, preparar o terreo e ter unha base para toda a actuación prevista.
Neste punto en concreto a vía poderá ser máis ancha no futuro grazas á cesión dun particular de preto de 12 metros, o que permitirá unha mellor circulación e máis segura na zona.
Segundo informou Oubiña, as obras continuarán ata mediados do mes de agosto, cando haberá vacacións. Agardan que aínda que quede sen rematar a obra, cando se deteñan, poida quedar habilitado o acceso para a veciñanza.
Tamén no caso de Campañó as actuacións están "bastante avanzadas" e xa se están facendo as tiras e os sobreanchos laterais, quedando pendente, ao longo destas vindeiras semanas, a pavimentación do primeiro tramo que se está a rehabilitar.
En Mourente estase a actuar en Casas Novas e Carabelos, na estrada paralela a N-541, mellorando a canalización de pluviais, unha obra xa case rematada. Tamén se están realizando os traballos previos á pavimentación, que, segundo as previsións que manexan, se fará no mes de setembro.
Relacionadas:
-
O rural pontevedrés suma medio millón máis en novas obras
Por Alejandro Espiño |
-
O acceso á Peralba abrirá o xoves ante os avances na obra da nova ponte
Por Redacción |
-
O soterramento da tubaxe de abastecemento continúa por Albeiro Sur e Vilafranca
Por Redacción |
-
O último proxecto para completar o núcleo da Peralba, en marcha desde este martes
Por Redacción |
-
Ofrecemento do PP para mediar ante os problemas veciñais coas redes de saneamento e abastecemento no rural
Por Redacción |
-
Pontevedra pecha o ano licitando obras por 4,5 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |